Aumentan as vendas nos mercados para o menú do Nadal

Din os comerciantes que a xente está sendo máis previsora este ano por temor á suba dos prezos nos últimos días

As organizacións de consumo recomendan adiantar e planificar as compras para aforrar e evitar a tensión de última hora

O cordeiro é un dos produtos máis demandados para conxelar de cara o Nadal.
G24.gal 02/12/2023 16:08 Última actualización 02/12/2023 19:08

Vaise achegando o Nadal, unha época de compras e moitos gastos, sobre todo, en agasallos e en comida para os menús das celebracións nas casas. Nos mercados galegos xa notan estes días un aumento das vendas, tanto das carnes coma dos peixes.

Para evitar o estrés da última hora e o aumento dos prezos dos produtos típicos do Nadal as organizacións de consumidores recomendan adiantar na medida do posible algunhas compras.

A 17,90 está hoxe o quilo de cordeiro duns seis quilos na praza de abastos de Ourense. É un dos produtos máis demandados estes días e que moitos están a mercar xa para o menú do Nadal.

"Vin hoxe precisamente para o cordeiro".

"Porque de aquí ao Nadal encarece todo, entón o peixe, xa levo unha pescada para conxelar, e xa collín unhas vieiras, e agora vou coller tamén algo de carne".

Peixe e carne para conxelar, pero tamén doces, viños e cavas son algúns dos produtos que se van mercando para repartir os gastos ao longo deste mes.

"Por culpa entendo da suba de prezos que houbo durante o ano, a xente está sendo un pouco máis previsora e estase achegando ao mercado antes, para ver e comparar e ver que menú vai facer", asegura Alberto González, o xerente da praza de abastos de Ourense. 

"Xa están comprando, sobre todo, cabrito e cordeiro, xa o mercan para levar e para conxelar" di María Paz Lloves, da carnicería Milucho. 

"Viños, polvoróns, doces de Nadal e panetones de Italia",  son os produtos que, segundo afirma Nélida Domínguez  da tenda o Gran Colmado, mellor venda están tendo estes días. 

Segundo a OCU (Organización de Consumidores e Usuarios) o gasto medio por persoa maior de 18 anos será de 745 euros, máis da metade irá destinado a agasallos, e o resto en comida e en festas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos