Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os miradoiros da Ribeira Sacra, fiestras abertas á paisaxe e un reclamo para o turismo

Os miradoiros da Ribeira Sacra, fiestras abertas á paisaxe e un reclamo para o turismo

G24.gal 09/07/2023 15:49 Última actualización 09/07/2023 16:13

No contacto coa natureza, os miradoiros da Ribeira Sacra son lugares privilexiados. Fiestras abertas á paisaxe que son un reclamo para o turismo. En tan só unha mañá é posible visitar varios destes miradoiros en distintos concellos ao longo da Ribeira Sacra. Algúns máis coñecidos e accesibles, outros menos, todos ofrecen iso si, vistas privilexiadas dunha contorna natural que non deixa de sorprender os visitantes.

Son ducias os miradoiros que atopamos ao longo da Ribeira Sacra. No do alto da Picota nos Peares, hai unhas vistas privilexiadas do Miño e o Sil, a máis de catrocentos metros de altitude. 

"Non o coñeciamos e sorprendeunos, é moi bonito. Unhas vistas marabillosas, de verdade."

A apenas 40 quilómetros de alí,  Nogueira de Ramuín acolle o miradoiro de Vilouxe. 

"Da moita vertixe pero son preciosos, non hai unha vista igual."

"Non é o mesmo velo en foto que velo ao natural e sobre todo respirar a tranquilidade e a paz que hai sobre todo neste miradoiro, que é como moi natural."

"Estanos gustando moitísimo toda esta zona dos canóns do Sil. Os miradoiros son preciosos, chegamos onte, aínda non tivemos tempo de ver moitos, pero os que vimos de momento moi ben. "

No de Cabezoás, en Parada do Sil, os turistas non paran de chegar, É un deses sinxelos de atopar e de acceso fácil. As vistas aquí tampouco defraudan.

"Pois marabilloso, unhas vistas...! Sempre miramos por Internet e ves vídeos, pero a realidade supérao."

O percorrido podería seguir por moitos outros lugares coma estes. Os viñedos, os bosques, os mosteiros e as capelas forman parte tamén canda a auga, da beleza da Ribeira Sacra. Un percorrido que semella diferente a vista de paxaro, pero que condensa, din, todo o que a natureza ofrece dende o interior de Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade