Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os móbiles quedarán prohibidos nos centros escolares a partir do 8 de xaneiro, coa excepción da FP ou réximes especiais

Os móbiles quedarán prohibidos nos centros escolares a partir do 8 de xaneiro, coa excepción da FP ou réximes especiais

O protocolo establece a prohibición na "totalidade da xornada escolar"

Galicia prohibirá os móbiles nos recreos, comedores e clases extraescolares

O alumnos poderán empregar o móbil de modo "proporcionado e razoable" en situacións de necesidade con autorización da dirección ou profesorado

G24.gal 04/01/2024 19:00

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades anunciou este xoves o novo protocolo para o uso de dispositivos móbiles nos centros escolares sostidos con fondos públicos, que entrará en vixencia o vindeiro luns 8 de xaneiro, coincidindo coa volta ás clases.

O punto principal deste protocolo actualiza a normativa en vigor dende o 2015, que establece a prohibición dos móbiles e outros dispositivos electrónicos como mecanismo de comunicación na "totalidade da xornada escolar". Isto inclúe tamén os "períodos non lectivos", como son as entradas e saídas, recreos, comedores e actividades complementarias e extraescolares.

Os centros poderán "establecer excepcionalmente normas para a correcta utilización" destas tecnoloxías como "ferramenta pedagóxica" e sempre "supervisada polo profesorado".

O alumnos poderán empregar o móbil de modo "proporcionado e razoable" en situacións de necesidade, como poden ser as "médicas ou doutra índole". Este uso debe estar xustificado polas circunstancias e sexa autorizado pola direccioón ou polo profesorado.

No último punto, tamén se establece o matiz de que o protocolo poderá non aplicarse en ensinos de Formación Profesional de grao superior, de réximes especiais como nas escolas oficiais de idiomas, e de adultos.

"Mellora continuada da convivencia"

O groso do contido deste protocolo enmarca as medidas na "mellora continuada da conviencia escolar", liña que resulta prioritaria para a Consellería de Educación. Neste contexto, a Xunta non obvia o proceso de transformación dixital das escolas e que o uso do móbil forma parte do "día a día" tamén dos menores.

O novo protocolo, trasladado en semanas anteriores a directores, asociacións de pais e outros axentes implicados, busca definir o que son as "boas prácticas educativas" no emprego da tecnoloxía.

O texto ten en conta que, en base á anterior normativa do 2015, había "numerosos centros" que xa tiñan nas súas normas de convivencia as súas propias restricións que se sumaban ás establecidas pola consellería con resultados "valorados como positivos por toda a comunidade educativa".

Os servizos de Inspección Educativa serán os encargados de prestar o asesoramento necesario aos centros e de supervisar a adaptación á normativa. A Xunta, á súa vez, tamén iniciará os trámites para modificar a normativa oportuna. A consellería comprometeuse a deseñar un plan de formación que acompañará as familias no manexo responsable dos móbiles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade