Os narcos, cada vez máis violentos, tentan pasar desapercibidos en Galicia
Os narcos, cada vez máis violentos, tentan pasar desapercibidos en Galicia
O ano pasado as forzas policiais conseguiron resultados históricos na loita contra o narcotráfico en Galicia
A traxedia que acontecía hai sete días, con dous gardas civís mortos despois de que unha narcolancha arremetese contra a súa embarcación no porto gaditano de Barbate, amosa, segundo os especialistas, o traspaso dunha liña vermella duns narcos cada vez máis violentos.
"Levamos uns anos detectando a violencia. Ata o de agora principalmente era entre as propias bandas para tentar protexer a mercadoría, pero agora o que acabamos de ver é un paso máis, que xa están atacando directamente ás forzas de seguridade", comenta Víctor Méndez, xornalista e fundador de Narcodiario.
Galicia, que xa viviu o seu particular drama coa droga, tampouco se libra do narcotráfico. O ano pasado as forzas da orde localizaban un narcosubmarino en Arousa, desartellaban un macrolaboratorio de cocaína en Cerdedo e intervíñan en Cambre o segundo maior alixo da historia, máis de sete mil quilos de cocaína.
"Os grupos criminais están superfortes. Por comparar, moito máis fortes do que coñeciamos nos anos oitenta ou noventa. Están fóra do foco porque os grupos criminais de Galicia son bastante máis intelixentes que os do sur de España. Tentan deixar a violencia e o que poidan chamar a atención á parte", asegura Víctor Méndez.
A solución, nada doada, pasa por máis medios e axentes, pero tamén por unha intervención socioeconómica.
"Por que tantos milleiros de persoas en Europa requiren o consumo de drogas?, por unha banda, e por que non teñen oportunidades para facer outra cousa no caso desta xente moza que non sexa apertar o narcotráfico?", cuestiona o fundador de Narcodiario.
Esta semana outro galego resultaba detido nunha embarcación que transportaba catro toneladas de cocaína na zona de Canarias. É que o inxente negocio do narco non dá respiro.