Publicador de contidos
Publicador de contidos

A guerra do vento, por María Bastida

A guerra do vento, por María Bastida

G24.gal 23/01/2023 09:21

A principios do século XIX, a crecente industrialización tivo como contestación o movemento ludita, que non vía nas máquinas fontes de avance, desenvolvemento e produtividade senón destrutoras de emprego. Dous séculos despois, os avances tecnolóxicos e industriais son outros, e as formas de resposta oscilan entre manifestacións de rúa e unha das armas máis poderosas que a administración pública pon ao noso servizo: os recursos administrativos.

Realmente, o cambio de modelo enerxético é un barco que partiu hai tempo. Sabemos que temos que transitar, sen alternativa, cara a un modelo de enerxía limpa, verde e sostible. Ese camiño acelérase nos últimos meses a conta dos plans de reactivación económica e industrial deseñados en Europa para afrontar a etapa pospandémica, materializados nos fondos Next Generation, que vinculan as axudas precisamente a esa enerxía. A nosa industria, ferida profundamente en moitos sectores, ten que seguir funcionando, e cunha nova enerxía. Un novo modelo en que a enerxía eólica ten un claro protagonismo.

Neste contexto, Galicia ten que tomar unha decisión. Ou aproveitar as súas características intrínsecas, que poden colocar a nosa comunidade como referente na xeración de enerxía, ou desatar a guerra dos ventos, poñendo trabas ao avance como os ludistas coas máquinas tecedoras, pero esgrimindo argumentos sentimentalistas cos que é difícil non identificarse. A ver a quen non lle preocupa a nosa terra e a nosa paisaxe.

No debate desencadeado nestes días crúzanse moitos argumentos que parecen desmontarse na segunda pensada lóxica. Primeiro, é certo que os parques eólicos teñen un impacto ambiental, pero non menos certo é que a súa tramitación esixe a realización, revisión e autorización dun informe que avalíe precisamente o impacto. Segundo, é certo tamén que os prazos son vertixinosos, e proliferan as autorizacións nas últimas semanas. Pero é que os prazos non os marcou a Xunta de Galicia porque queira favorecer unhas empresas determinadas, senón que os marcou o Goberno do Estado. Tamén conta que coexisten parques que se autorizan rápido porque van alimentar unha industria galega (moitos deles solicitados hai tempo), aos que se dá prioridade na tramitación, con outros que van derivar na rede xeral de subministración, máis lentos. Entre os primeiros, por certo, un bo número que supera os 50 Mw, de maneira que será o Goberno quen responda da súa tramitación. E todo iso, sen esquecer que os parques necesitan conexión á rede, e se non conseguen esta conexión —decisión que non se tomará en Galicia— non abrirán. Terceiro, por suposto que os parques non soamente van destinados a alimentar as industrias galegas. Pero é que a autarquía foi un proxecto doutro réxime e decaeu felizmente con el. Tentar crear un gueto enerxético en pleno século XXI é tan absurdo como imposible, ademais de economicamente ineficiente.

En definitiva, un tema sumamente complexo con múltiples arestas, difícil de explicar, pero fácil de simplificar co argumento de que nos van esnaquizar a paisaxe. Pola miña banda, prefiro confiar en que esa mesma paisaxe, a súa preservación e mellora, é a prioridade que guía a quen ten que avaliar as concesións. E que, precisamente por iso, levan semanas traballando arreo, para que non perdamos oportunidades de obter unha vantaxe competitiva e ser líderes na xeración dunha nova enerxía, pero nunca á conta de perder a esencia da nosa terra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar