Os participantes en Viñetas desde o Atlántico, contentos coa marcha do encontro
Os participantes en Viñetas desde o Atlántico, contentos coa marcha do encontro
O Salón Internacional do Cómic da Coruña remata este domingo
Penúltimo día da edición número 27 de Viñetas desde o Atlántico. Damos un paseo polas casetas comerciais.
"Este ano está indo moi ben. As vendas son boas. Xa vedes que está cheo de xente toda a tarde", afirma Luis Sendón, de Demo Editorial.
Hai 36 expositores. Moita representación galega, tamén do resto de España, e por primeira vez, de Portugal.
"Para mostrar libros en portugués e vai moi ben en relación con iso. Moitas veces temos libros coa versión castelá e dinnos que non, non, quero lelo en portugués", conta Marcos Farrajota, da Asociación Chili com Carne.
Os consumidores de banda deseñada din que é a ocasión para dar con todo tipo de títulos, porque este mundo non ten límites.
"Poden ser de moitas cousas e iso é o que me gusta dos cómics", explícanos un lector de poucos anos.
"Un sitio en que podas estar paseando e atopar cousas que levas buscando moito tempo é unha boa sorpresa", sinala outra afeccionada.
Coméntanos un guionista que son frecuentes as creacións de grupo. El sacou tres álbums, cun debuxante e un colorista.
"Levamos unha boa media de un por ano", engade Manuel Veiga mentres nos ensina o seu protagonista Audaz na praia das catedrais.
Tamén damos cun debuxante que participou nun traballo colectivo, dándolle vida a unha superheroína soviética.
"A min tocoume, por exemplo, debuxar a Yuri Gagarin, que é un dos que a acompañan, enfrontándose ás Spice Girls e a Britney Spears", dinos Pablo Prado.
A poucas rúas do sector comercial das Viñetas, a cidade acollía tamén o día grande do festival de autoedición, o Autobán.
"Un festival máis pequeniño, máis rápido, algo pop up dun día", explica Brenal Prieto, un dos coordinadores.
"Aquí ves a ver máis o punky, o da rúa, o da xente que o monta pola súa conta", engade o debuxante Pau Sparó.
Entre un e outro encontro, A Coruña vese convertida na capital da narrativa debuxada.