Os peliqueiros de Laza póñense a punto para o Entroido
Os peliqueiros de Laza póñense a punto para o Entroido
Todos os traxes son feitos de xeito artesanal
Desfilarán os tres días grandes da festa
Loli alisa un por un os 250 pondóns dos que consta o pantalón do traxe de peliqueiro de Laza. Un traballo moi laborioso e que leva moitas horas de faena. A tradición di que ten que ser así e confeccionar un destes traxes pode levar ata quince días. Pero tanto esforzo paga a pena porque aquí, no sur de Ourense, o Entroido vívese de xeito moi intenso e cómpre facelo todo con esmero.
Aínda que faltan 16 días para o domingo de estrea, que é cando comezan a desfilar os peliqueiros, os máis cativos da vila xa aproveitan o tempo de lecer para ensaiar os pasos que darán nas datas principais do Entroido de Laza. Este é o ano da volta total á normalidade logo da pandemia e agárdase que volvan ser milleiros as persoas que se acheguen ata aquí. Por iso, todo ten que prepararse ao milímetro.
Se teñen ganas de desfrutar do Entroido de Laza, esta mesma noite están a celebrar o tradicional folión.