Os policías filipinos acusados de matar a Diego Bello decláranse inocentes
Os policías filipinos acusados de matar a Diego Bello decláranse inocentes
Os tres axentes escoitaron os cargos mediante videoconferencia na prisión en que permanecen detidos
Os tres policías acusados de asasinar o galego Diego Bello nas Filipinas declaráronse inocentes na vista que se celebrou este mércores, na que se lles leron os cargos, informou a familia do mozo coruñés.
O capitán Vicente Panuelos e os sarxentos Ronel Azarcón Pazos e Nido Boy Esmeralda escoitaron os cargos por videoconferencia, desde a prisión na que están retidos desde que se entregaron ás autoridades hai dúas semanas.
Os tres declaráronse inocentes e o caso entrou na instrución preliminar, cuxa vista está previsto que se celebre o 5 de maio, tal e como acordaron as partes.
Nese encontro, acusación e defensa terán que acordar cuestións comúns dos feitos, as probas que se presentarán en xuízo e as testemuñas que acudirán á vista.
A data da vista, en todo caso, está pendente de confirmación pola designación da nova corte en Manila, xa que o Tribunal de Instancia accedeu á petición da acusación de trasladar a sede xudicial á capital do país.
O Tribunal Supremo Filipino deberá determinar que Corte será a que quede asignada ao caso e nun prazo de 30 días desde a celebración da preliminar deberá comezar o xuízo. As autoridades do país comprometéronse a que os supostos asasinos terán un xuízo xusto.
Bello, de 32 anos, morreu tiroteado o 8 de xaneiro de 2020 na turística illa de Siargao nunha operación presuntamente orquestrada polos policías e no que no inicio se tratou de ocultar tras unha operación contra o narcotráfico. En marzo de 2022 os tres axentes foron acusados do asasinato do empresario.