Os prezos modéranse en agosto ata o 2,3 % e os alimentos anotan a menor suba en tres anos
Os prezos modéranse en agosto ata o 2,3 % e os alimentos anotan a menor suba en tres anos
En Galicia o prezo dos alimentou baixou ata o 2,2 %, tres décimas por baixo da media estatal
O aceite de oliva é o produto que máis subiu de prezo no último ano; fíxoo nun 25,1% e acumula un incremento do 170,5% desde xaneiro de 2021
O Instituto Nacional de Estatística (INE) revisou unha décima á alza o Índice de Prezos de Consumo (IPC) de agosto, ata o 2,3 % interanual, cinco décimas menos que o mes anterior, mentres que a inflación dos alimentos se recortou seis décimas, ata o 2,5 %, a menor taxa en tres anos.
A taxa de inflación subxacente (sen enerxía nin alimentos non elaborados) situouse no 2,7 % interanual en agosto, unha décima por baixo do mes anterior.
Na moderación do IPC influíu o abaratamento dos carburantes e lubricantes, que subiron no mesmo mes de 2023, e a baixada dos prezos dos aceites e graxas e dos legumes e hortalizas, fronte ao encarecemento de hai un ano.
Cuerpo di que a moderación dos prezos se traduce na recuperación do poder adquisitivo da cidadanía
O ministro de Economía, Comercio e Empresa Carlos Cuerpo celebrou o "bo dato" de inflación confirmado este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e asegurou que esta moderación de prezos, xunto coa boa evolución do mercado de traballo, está a traducirse nunha recuperación do poder adquisitivo dos cidadáns en termos reais.
O ministro atribúe en parte a moderación dos prezos, especialmente a dos alimentos, ás medidas que está a tomar o Goberno para apoiar os cidadáns nestes compoñentes máis delicados da cesta de consumo. E puxo como exemplo a caída que provocou a supresión do IVE no prezo do aceite de oliva.
O IPC modérase en agosto en Galicia ata o 2,3 % e os alimentos ata o 2,2 %
Os prezos encareceron en agosto en Galicia un 2,3 % en termos interanuais, oito décimas menos que o mes pasado, mentres que os alimentos aumentaron o seu prezo un 2,2 %, un punto menos que en xullo, segundo os datos divulgados este xoves polo Instituto Español de Estatística.
Galicia logrou corrixir así o diferencial co conxunto de España, en que o índice de prezos de consumo (IPC) de agosto se situou tamén no 2,3 % interanual, cinco décimas menos que o mes anterior.
No que respecta ao prezo dos alimentos, a inflación anotou a menor taxa en tres anos. Baixou no conxunto do estado en seis décimas, ata o 2,5 %; en Galicia situouse no 2,2%.
O aceite encareceu un 25 % no último ano
O aceite de oliva é o produto que máis subiu de prezo no último ano. Encareceu un 25,1 % desde agosto do ano pasado e acumula un incremento do 170,5 % desde xaneiro de 2021.
Tamén experimentaron subidas interanuais o prezo dos voos nacionais (21,1 %), o chocolate (16,9 %), os zumes de froitas e vexetais (16,2 %) e o transporte marítimo de pasaxeiros (14 %).
Por contra, o que máis abaratou en agosto foron os equipos de telefonía móbil (11,7 %), os combustibles líquidos (9,8 %), o gasóleo (9 %), os voos internacionais (8,1 %) e os outros aceites (7,6 %).