Publicador de contidos
Publicador de contidos

A chegada de turistas estranxeiros a España bate todas as marcas ata xullo

A chegada de turistas estranxeiros a España bate todas as marcas ata xullo

Nos sete primeiros meses do ano viñeron a España 53,37 millóns de persoas de fóra e fixeron un desembolso de 71.000 millóns de euros, segundo o INE

Os destinos preferidos para os estranxeiros son as Baleares, Cataluña e a Comunidade Valenciana

Arquivo/David Zorrakino/Europa Press Arquivo/David Zorrakino/Europa Press
G24.gal 02/09/2024 10:48 Última actualización 02/09/2024 11:22

O número de turistas estranxeiros que chegaron a España nos sete primeiros meses do ano alcanzou a súa cota máis alta, con 53,37 millóns de persoas (un 12 % máis en taxa interanual), e un desembolso acumulado tamén récord de máis de 71.000 millóns de euros (18,6 % máis).

Só en xullo España recibiu 10,9 millóns de turistas internacionais, un 7,3 % máis ca no mesmo mes de 2023, co que o indicador continúa con ritmo récord, segundo difundiu este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Por destinos, case un de cada catro (23,4 %) dos viaxeiros doutros países elixiu as Baleares para gozar das súas vacacións en xullo, ata 2,54 millóns de persoas. Seguírona Cataluña, co 22,1 % (2,39 millóns) e a Comunidade Valenciana, co 13,6 % (1,47 millóns de turistas).

A maior parte dos turistas estranxeiros que escollen España para pasar as súas vacacións proceden do Reino Unido, Francia e Alemaña. Máis de 10,5 millóns de británicos visitaron algún destino español nos sete primeiros meses do ano, un 8,6 % máis ca no mesmo período de 2023. Os franceses superaron os 7 millóns de visitas no mesmo período (10,6 % superior).

Sobe o gasto medio por viaxeiro

En xullo subiu o gasto turístico por viaxeiro. O desembolso medio foi de 1.432 euros (4,3 % máis).

Máis de 8 millóns de turistas viaxaron sen paquete turístico en xullo, un aumento da 5,5 % fronte ao mesmo mes de 2023, en tanto que con paquete turístico chegaron máis de 2,8 millóns, un 12,7 % máis.

O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, destaca o "significativo aumento" no gasto dos viaxeiros internacionais. Engade que o dato "corrobora" que o turismo "segue tirando da economía do país, xerando riqueza e emprego no sector".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade