O Lugo reencóntrase coa vitoria e anuncia a fichaxe de Fran Mérida
Exercicio de resistencia diante da Real Sociedade B tras o gol de Willy Ledesma
Chegou por fin a vitoria lucense. Despois 4 partidos sen coñecer a vitoria, os de Paulo Alves sacaron a garra para vencer o filial da Real Sociedad.
Foi un triunfo con final agónico cun primeiro tempo equilibrado con chegadas a unha e outra portería. Aranda o máis perigoso dos galegos foi o primeiro en probar sorte. O que lle seguiu Mikel Goti, o xogador máis destacado dun filial realista que contou coa ausencia de seis xogadores convocados polo primeiro equipo.
As accións a balón parado resultaron unha arma poderosa para os branco e vermellos no primeiro tempo, mentres que a Real, cun xogo máis combinativo tentaba asustar a Tabuaço. Aranda volveuno tentar nunha acción individual que prologou o único tanto do partido. Antoñín ve a chegada de Ledesema que logra o 1-0. O dianteiro estremeño, a gran sorpresa na aliñación tras a súa lesión da pasada xornada ante o Nástic, lograba o seu sétimo gol da temporada.
O segundo tempo serviu para ver a un Lugo solidario e resiliente, que aguantou os ataques realistas e incluso asustou noutra acción de Aranda. Os últimos minutos foron de acoso realista resoltos con sacrificio e personalidade polos xogadores lucenses que volveron gañar logo de cinco xornadas e case dous meses de competición.
Fran Mérida, fichado
O Lugo anunciou a fichaxe de Fran Mérida, un xogador de contrastada calidade que estaba no fútbol chinés. O seu historial de equipos é impresionante (Arsenal, Atlético de Madrid, Sporting de Braga, Osasuna, Español, etc) e foi a estrela da selección española sub17 que gañou o europeo en 2007. Aos 33 anos haberá que ver como está fisicamente e o seu grao de adaptación a un campionato como a Primeira Federación.