Os incendios de Folgoso do Courel e de Valdeorras xa son os maiores da historia de Galicia
Os incendios de Folgoso do Courel e de Valdeorras xa son os maiores da historia de Galicia
Os principais incendios de Galicia arrasaron xa 30.000 hectáreas
Dos cinco incendios activos en Galicia, dous son os que máis preocupan, o de Folgoso do Courel-A Pobra de Brollón e o orixinado en Carballeda de Valdeorras
Máis de mil persoas tiveron que deixar as súas casas polo risco que había. Hoxe, a maior parte dos evacuados están xa de volta
Os incendios máis importantes que hai en Galicia queimaron xa 29.565 hectáreas, 10.500 en Carballeda de Valdeorras e 11.100 entre a suma dos núcleos afectados en Folgoso, segundo o parte de Medio Rural con datos solicitados ata as 8:00 deste xoves.
A loita contra o lume continúa nas parroquias de Vilamor, en Folgoso do Courel, e Saa, na Pobra do Brollón, onde un dos maiores incendios rexistrados en Galicia calcinou xa unhas 10.000 hectáreas de superficie nunha zona de gran valor ecolóxico, dentro do Xeoparque da Unesco Montañas do Courel.
Segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural, mantense o nivel dous de alerta pola proximidade do lume aos núcleos de Parada dos Montes e Carballal, en Folgoso, e Busto, na Pobra do Brollón.
Traballan nos labores de extinción 16 técnicos, 156 axentes forestais, 259 brigadas, 137 motobombas, 3 escavadoras, 1 unidade técnica de apoio, 20 avións, 26 helicópteros e efectivos da Unidade Militar de Emerxencias.
En Folgoso do Courel permanece activo o incendio que comezou na parroquia de Seceda, un lume que xa calcinou 1.100 hectáreas e que mantén activo o nivel 2 de alerta pola proximidade das chamas ao núcleo de Gamiz, no veciño municipio de Samos.
Para sufocar as chamas traballan na zona 19 axentes forestais, 30 brigadas, 14 motobombas, 6 avións, 6 helicópteros e militares da UME. Os medios de extinción traballaron intensamente nas últimas horas para evitar que as chamas cheguen á Devesa de Rogueira, un bosque único en Europa, dado que se o lume chegase a alcanzar ese enclave natural o desastre ecolóxico sería aínda maior.
Na Montaña lucense, no municipio de Cervantes, quedaron estabilizados e controlados os dous incendios que permanecían activos en Cereixedo e O Castro, respectivamente, despois de queimar unhas 85 hectáreas. Na zona sur, en Quiroga, quedou estabilizado o incendio na parroquia de Outeiro, tras queimar 250 hectáreas.
Na comarca da Ulloa, quedou controlado nas últimas horas o que afectaba en Palas de Rei á parroquia de Ramil, onde arderon 375 hectáreas e onde chegou a quedar activado o nivel dous de alerta pola proximidade do lume ás casas. Tamén quedou controlado o lume que queimou 40 hectáreas na parroquia de Santa Mariña do Castro de Amarante, en Antas de Ulla.
A Xunta lembra que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal, e existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
O lume destes días obrigou a desaloxar poboacións enteiras. Máis de mil persoas tiveron que deixar as súas casas nalgún momento polo risco que había. Hoxe, a maior parte dos evacuados están xa de volta