Os produtos de maquillaxe caducan
Os produtos de maquillaxe caducan
A duración dende a apertura do produto vén indicada nos envases
Empregar maquillaxe caducada pode causar problemas na pel
Hai quen emprega maquillaxe a diario e quen só o fai en eventos ou ocasións especiais. Estes últimos é facil que compren produtos que logo se gardan por tempo indefinido nas baldas do cuarto de baño. Pero esta é unha práctica coa que cómpre ter coidado porque os produtos de maquillaxe teñen caducidade.
Algúns exprésano directamente no envase, igual que vén nos alimentos. Caduca ábrase ou non. Noutros a duración en boas condicións do contido se establece, normalmente, en seis ou doce meses, a partir do momento da apertura do envase.
Uns produtos duran máis e outros menos. A farmacéutica Natalia Martínez Reboredo di que isto depende dos principios activos "hai elementos que se deterioran con máis facilidade e tamén hai que ter en conta os conservantes que leve o produto". Caducan antes os produtos que levan máis cantidade de auga, como bases fluídas ou máscaras de pestanas.
Empregar maquillaxes caducadas implica o risco de coller algún tipo de infección ou sufrir irritacións na pel. Ás veces basta con observalos para saber que non están en bo estado: máscaras de pestanas con boliñas ou bases fluídas demasiados líquidas.
Se non sabemos canto tempo leva aberto ou descoñecemos a data de caducidade, din os expertos que o mellor é directamente desbotalo.