Os psicólogos insisten na prevención para atallar actitudes violentas na mocidade
Os psicólogos insisten na prevención para atallar actitudes violentas na mocidade
Desde o Colexio de Psicólogos de Galicia insisten en que son necesarios profesionais da saúde mental nos centros de ensino
O coidado da saúde mental dos adolescentes repercute no bo rendemento académico
Ante o aumento de denuncias por agresións sexuais na adolescencia e a repunta da violencia machista entre as parellas máis novas, os psicólogos insisten na necesidade de traballar desde a prevención estas condutas. Valoran que son necesarios profesionais da saúde mental nos centros de ensino para atallar a violencia desde a infancia.
A saúde mental dos adolescentes é unha preocupación para moitas familias que a miúdo se encontran con conflitos ou actitudes violentas que responden, entre outros factores, a un contexto social no que se produciron avances en igualdade, pero onde aumentou tamén o número de mozos que cren que a violencia machista non existe.
Un de cada cinco rapaces, varóns, respondeu iso no Barómetro Xuventude e Xénero de 2021 e aumentaron tamén as denuncias por agresións sexuais nestas idades. Os psicólogos advirten que é necesario traballar xa coa mocidade para previr esta violencia, tal e como detallaba Rosa Álvarez, decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
Avanzouse moito en lexislación, nas denuncias e nas leis. É evidente que se avanzou nestes temas pero onde máis resistencia hai nestes cambios é nos hábitos e nas condutas. Entón iso é o que hai que cambiar. A maneira de relacionarnos ten que ser outra na sociedade e non pode estar baseada no dominio e no poder. Todo o que ten que ver coa educación afectivo-sexual non se fai, entón é fundamental que isto estea incluído nos centros escolares con profesionais axeitados para atender todo isto. E non nos arrepintamos de non poñer o foco agora e a mirada e os recursos humanos que precisamos para isto, e dentro duns anos esteamos todos arrepentidos por non actuar.
Insiste Rosa Álvarez en que non se pode derivar esta responsabilidade só á familia, ao profesorado ou aos orientadores, que é necesaria unha intervención conxunta que evite patoloxizar estes problemas na mocidade.
Os sistemas públicos teñen a obriga tamén de facer esa protección e formar. E evidentemente as familias, os pais e as nais, no que lles corresponde, tamén. Se un alumno está ben emocionalmente realmente tamén se evitará fracaso escolar e situacións de violencia que hai a posteriori despois na sociedade.
Deste xeito valoran que se poderán atallar actitudes violentas máis difíciles de tratar nunha etapa adulta.