Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os repartidores acusan o Concello de Ourense de impedirlles o acceso á zona vella cos seus vehículos

Os repartidores acusan o Concello de Ourense de impedirlles o acceso á zona vella cos seus vehículos

Esta semana comezou a aplicación dunha medida que prohibe a entrada dos repartidores con motos, bicicletas ou patinetes no centro histórico

Os afectados din que ao ter que facer os servizos a pé, perden moito tempo e estráganse os pedidos, de comida principalmente

Están recibindo multas de 80 euros, cando cobran por entrega un prezo fixo de 3,10 euros

G24.gal 18/10/2024 20:39 Última actualización 18/10/2024 20:56

Os repartidores de Ourense non poden acceder cos seus vehículos á zona vella e deben facer as entregas a pé. É a consecuencia da entrada en vigor dunha normativa municipal que, segundo denuncian, prexudícalles moito no seu traballo e tamén a seus clientes.

Un dos maiores prexuízos que supón para os repartidores a prohibición de acceder a zona vella coas súas motos, bicicletas ou patinetes, é o tempo que perden en cada servizo e as condicións en que entregan o pedido, comida principalmente. Os residentes si poden acceder, pero os repartidores non. Os afectados non entenden a ordenanza municipal porque aseguran que nunca houbo ningunha incidencia cos seus vehículos.

A outra gran consecuencia da medida que comezou a aplicarse esta semana son as multas. Están recibindo sancións de 80 euros, cando o que cobran por cada pedido é unha cantidade fixa de 3,10 euros. As multas están causándolles un grave prexuízo económico.

Denuncian que o Concello desoe as súas solicitudes dun permiso especial para transitar pola zona vella, como se concedían antes. "Só pedimos que se reúnan con nós e que busquemos unha solución consensuada. Somos autónomos que pagamos unha cota fixa, e queremos que se respecte o noso dereito constitucional de traballar", manifesta Eduardo Ozuna, repartidor dende hai catro anos na cidade de Ourense.

O amplo colectivo de repartidores propón crear unha asociación para ter máis forza nas súas reclamacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar