Os restauradores blíndanse contra as reservas pantasma
Os restauradores blíndanse contra as reservas pantasma
En Pontevedra xa se puxeron de acordo para, a través dunha plataforma, pedir un pago por adiantado nas reservas
Evitan as perdas que lles ocasionan as reservas en que o cliente non aparece e tampouco cancela
As reservas nos restaurantes sen ningún tipo de aval teñen os días contados. Cada vez son máis os casos de reservas pantasma, esas en que os clientes piden unha mesa, non a cancelan e finalmente non acoden. Ante esta, cada vez máis frecuente práctica, os restauradores buscan tomar medidas ao respecto. En Pontevedra, por exemplo, ou piden un sinal ou non collen reservas por teléfono.
Javier Míguez, xerente da Bodeguilla de San Lázaro e de Santa Marta en Santiago, conta que "onte mesmo unha mesa de nove persoas non apareceu e cando chamaron dixéronlles que estaban noutro local". Argumenta que "fas previsión de compra dese produto e cando non che veñen perdes os produtos porque son perecedoiros".
As chamadas reservas pantasma son unha práctica cada vez máis frecuente de difícil convivencia e á que buscan combater. En Pontevedra, a maioría dos restauradores xa tomaron medidas ao respecto.
Carlos Alberto Lorenzo, administrador de A Granxa do Costado, di que "case todos en Pontevedra teñen "unha plataforma á que pasan a reserva e piden unha fianza a través dunha tarxeta de crédito, e se non apareces descóntanche o que cada local teña estipulado".
Di ademais que "onde máis inflúe é nos grupos grandes porque perdes o produto e o traballo e perdes ademais non darlle mesa a outros clientes." Engade que se anulas a reserva con 12 ou 24 horas de antelación non supón cargo ningún".
A garantía da tarxeta de crédito é unha que chega para quedar e que garante a responsabilidade cun sector que, sobre todo nestas datas de Nadal, quere traballar sen dores de cabeza.