Os restos do sartego dos Soutomaior poderán ser cotexados co ADN de Colón
Os restos do sartego dos Soutomaior poderán ser cotexados co ADN de Colón
As exhumacións destinadas a demostrar que Cristovo Colón era o nobre galego Pedro Madruga chegaron hoxe ao seu punto culminante
Abriuse o sartego do que, segundo a teoría galega, sería un curmán do descubridor de América, e hai restos que van permitir seguir investigando: poderán cotexarse co ADN de Cristovo Colón, que está enterrado na catedral de Sevilla.
As análises desvelarán se Colón pertencía a esta familia de Vilaxoán, os Soutomaior, nobres e mariños, que destacaban daquela no comercio marítimo a grande escala.
Houbo que usar un intricado sistema de poleas, levantar a tapa do sartego, de 1.800 quilos, e meter medio corpo dentro para ir extraendo os restos. .
"Este é o sartego de Xoán Mariño de Soutomaior, un membro da casa de Soutomaior. Entón o que buscamos é a relación xenética que poida ter cos restos de Cristovo Colón da catedral de Sevilla", explica Eduardo Esteban, presidente da Asociación Cristóbal Colón Galego Celso García de la Riega.
Temíase que case seis séculos despois e coas humidades propias do clima atlántico pouco quedase dos vestixios óseos desa casa de avezados mariños pontevedreses, pero apareceron restos do féretro e ósos revoltos.
Con toda a minuciosidade técnica que se require, foron saíndo tibias, peronés, radios, cúbitos, falanxes, e fragmentos do cranio.
"Está mellor do que esperabamos porque aquí en Galicia, pola humidade, o material adoita deteriorarse", explica Inmaculada Alemán, antropóloga física da universidade de Granada.
Agora toca esperar ás probas de ADN para saber se o mariño intrépido que cruzou o Atlántico e atopou un novo mundo é o mesmo nobre galego madrugador e belicoso que liderou as revoltas irmandiñas e que, segundo esta teoría, ocultaría despois o seu nome para participar na xesta ultramarina ordenada polos Reis Católicos.