Os riscos laborais na recollida da mexilla son maiores desde que teñen que ir a zonas novas
Os riscos laborais na recollida da mexilla son maiores desde que teñen que ir a zonas novas
A recollida de mexilla é unha actividade arriscada porque a semente que propicia a produción de mexillóns dáse en pedras e rochas en que o mar pega duro.
"Sempre tivo riscos. É normal, por que hai que traballar onde rompe o mar, onde se colle percebe, por iso hai conflitos e sempre tivo riscos, xa que ademais cargamos con moito peso", explica Juan Carlos Juncal Piñeiro, presidente da asociación de bateeiros San Amaro de Vilanova de Arousa.
No caso do accidente laboral que lle custou a vida onte ao bateeiro vilanovense Luis Piñeiro tamén puido influír a adversidade atmosférica. Pero é que o colectivo vive momentos de tensión por frear a forte caída na produción de mexillón tratando de recoller canto antes a mexilla.
E por se por lles fose pouco, sosteñen que a normativa tras o conflito cos percebeiros acrecentou riscos laborais: "Nós temos que ir a zonas que non coñeciamos, ás que antes non iamos, máis lonxe e con maior dificultade para recollela, claro. Á parte, hai zonas que non coñecemos e iso é un problema a maiores non tocante á seguridade".
Juncal reafirma que os bateeiros non son o problema para os percebeiros. Di que as medidas restritivas da Xunta para a recollida da mexilla contribuíron a unha caída da produción de mexillón do 70 %: "E alguén terá que asumir responsabilidades" conclúe o representante de bateeiros vilanoveses.