O Goberno non ve motivo para elevar a alerta terrorista polo envío de cartas explosivas
O Goberno non ve motivo para elevar a alerta terrorista polo envío de cartas explosivas
Os seis sobres sospeitosos contiñan pólvora e pequenos anacos de metralla
Fontes da investigación explican que son moi sinxelos e sinalan que calquera persoa accedendo a Internet podería elaborar eses paquetes bomba
Tranquilidade e confianza. España non considera necesario elevar a alerta terrorista trala intercepción dos seis sobres con material pirotécnico.
Os seis sobres de cor marrón con material pirotécnico caseiro similar á pólvora no seu interior contiñan tamén pequenos anacos de metralla, segundo fontes próximas á investigación citadas pola Axencia EFE. O Ministerio do Interior non o desminte pero pide que "non se fagan conxeturas".
A fabricación é sinxela, polo que a puido levar a cabo calquera persoa accedendo a Internet, precisaron as mesmas fontes. Dos sobres, catro polo menos tiñan a mesma letra manuscrita.
O último sobre foi detectado e detonado este xoves na legación diplomática dos Estados Unidos en Madrid e o primeiro foi interceptado o pasado día 24 polos servizos de seguridade de Moncloa nun rastrexo rutineiro do correo dirixido ao presidente do Goberno Pedro Sánchez, aínda que se fixo público este pasado xoves.
Segundo as primeiras pescudas, os sobres foron enviados desde España aos seus destinatarios: a ministra de Defensa Margarita Robles, a embaixadas de Ucraína e a dos Estados Unidos, o Centro de Satélites da Unión Europea situado na base aérea de Torrexón de Ardoz e unha empresa de fabricación de armamento en Zaragoza, ademais do que ía dirixido a Pedro Sánchez.
Os seis sobres son de cor marrón, de aproximadamente 1 cm de grosor e unhas dimensións de 10x15 centímetros.
Os investigadores están xa analizando calquera rastro de pegadas ou de ADN, amais das propias características dos sobres, a trazabilidade dos selos, os mataselos, en caso de que os levasen, e o propio material explosivo.
En canto á letra, esa que parece a mesma en cando menos catro dos envíos, estaba feita a bolígrafo e en maiúscula. Enviáronse o mesmo día. O remitente é unha dirección de correo electrónico.
O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama, titular do xulgado número 4, asumiu a investigación destes envíos como un suposto delito de terrorismo.
O Goberno confía en que nun corto período de tempo se aclare a autoría deste envío de cartas aínda que admite que vai ser unha investigación complexa. O ministerio informou aos socios europeos para que avalíen posibles accións en caso de que poida acontecer algo semellante noutros países.
O ministro, Grande Marlaska, nega que se produciran fallos de seguridade. Asegura que "temos os medios para garantir a seguridade, pero malia todo reforzouse en institucións públicas e embaixadas".
Precisamente un dos últimos en trasladarse ao xuíz foi o remitido ao presidente do Goberno, pero na Moncloa explican a demora asegurando que se abriron dilixencias policiais inmediatamente e que, como ocorre noutros casos, "cando se estima que están suficientemente maduras", dáse traslado á Audiencia Nacional.