Os sindicatos do metal pedirán mediación ante a falta de avances na negociación do convenio
Os sindicatos do metal pedirán mediación ante a falta de avances na negociación do convenio
As partes están convocadas a unha nova xuntanza o luns 17 de xullo
A décimo cuarta reunión da mesa de negociación do convenio do metal de Pontevedra rexistrou "avances mínimos" cara a un acordo, segundo explicaron os sindicatos, e por iso solicitarán a mediación da AGA (acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflitos de traballo).
O secretario xeral de CCOO Industria en Vigo, Celso Carnero, falou deses "mínimos avances" e asegurou que "patronal e parte sindical moveron marcos e posturas para tentar avanzar e chegar a un acordo", aínda que asegurou que os sindicatos puxeron "máis" da súa parte que os empresarios.
"A parte empresarial demostrou que non tiña intención de chegar a acordo polo menos hoxe e estamos de novo convocados para unha nova reunión o luns ás 10:00 horas", explicou tras o encontro deste venres.
Carnero sinalou que "vendo o bloqueo, a inmobilidade e o pasotismo da patronal" van solicitar a mediación AGA.
O sector do metal pontevedrés está convocado a unha folga indefinida a partir do martes 18 de xullo se non se chega a un acordo con anterioridade.