Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os sindicatos saen o primeiro de maio á rúa contra a perda de poder adquisitivo dos traballadores

Os sindicatos saen o primeiro de maio á rúa contra a perda de poder adquisitivo dos traballadores

G24.gal 30/04/2022 14:36

As centrais sindicais -CIG e UGT- quentan motores con vistas ás distintas manifestacións que se celebrarán co gallo do primeiro de maio, Día do Traballador. Polos micrófonos da Radio Galega pasaba esta mañá o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que estará na mobilización de Vigo. Carril reclámalles á Xunta e ao Goberno Central que dean resposta á situación "crítica" que atravesan os traballadores e urxe medidas "de intervención pública e de cambios nas políticas económicas e fiscais".

 No Galicia por diante fin de semana, Carril explicou que o obxectivo deste 1º de maio
 é que os traballadores non perdan poder adquisitivo ante a crise persistente dos últimos anos.

"Xa abonda de utilizar a guerra como escusa. Antes foi a pandemia e agora a guerra, pero a realidade é que soben os prezos e os servizos".

O responsable da CIG asegura que a saída a esta crise non é a moderación salarial: "Se os salarios non soben non se recupera o consumo e non se reactiva a economía". Ao tempo, aposta pola intervención pública no sector enerxético para frear a escalada no prezo da luz e dos combustibles: "Cómpre que o Goberno fixe un prezo máximo para as gasolinas".

Sobre a creba da unidade sindical respecto ao primeiro de maio, Carril sostén que a CIG non pode ir da man doutros sindicatos, que -sinala- "contribuíron e foron cómplices de malas medidas para os traballadores e cos que non coinciden en visión de futuro, en alternativas nin en cales deben ser as esixencias aos gobernos".

Polos micrófonos do Galicia por diante fin de semana tamén pasaba este sábado o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, quen cre que mañá será un día para explicar na rúa os logros acadados. 

"Os cambios lexislativos conseguidos neste últimos anos, como a reforma laboral, o acordo para as pensións, a lei de teletraballo ou a chamada lei dos 'riders'".

Con todo, recoñece que hai moito que reivindicar; o principal, o relativo á negociación dos convenios colectivos. Pepe Álvarez ve moi difícil chegar a un pacto de rendas porque "necesita a implicación do Goberno e por agora non deu síntomas diso". Sinalou que están negociando coa patronal os convenios colectivos pero que "nestes momentos non é fácil porque os empresarios non queren oír falar de cláusulas de revisión salarial que garantan que os traballadores non van perder poder adquisitivo".

O responsable de UGT tamén valorou de xeito positivo que a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo vaia asistir á manifestación de Madrid polo primeiro de maio. Cre que é bo que "os políticos escoiten de primeira man na rúa as reivindicacións dos traballadores".
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade