Os socios de investidura aféanlle a Sánchez a falta de propostas concretas
Os socios de investidura aféanlle a Sánchez a falta de propostas concretas
Sumar: "Tras un xesto así non se pode volver como se nada"
ERC e Junts cren que o socialista tentou influir na campaña electoral en Cataluña
Sánchez participará en dous mítins esta semana co candidato do PSC, Salvador Illa
O PSOE cre que Sánchez saíu "fortalecido" tras a parada de cinco días, pero para os socios a reflexión non abonda. Para o voceiro de Sumar no Congreso, Íñigo Errejón, "tras un xesto así non se pode volver como se nada".
O deputado de Sumar, Gerardo Pisarello, insta o PSOE a que "recoñeza que non sempre foi exemplar" e que convoque a maioría da investidura para lograr cambios que rexeneren a democracia, "non só de palabra, senón nos feitos".
Podemos rexistrou este martes unha reforma para renovar o Consello Xeral do Poder Xudicial sen o PP. Irene Montero tamén lle afeou a Pedro Sánchez que "tras cinco días de pór o país en ascuas, fai un total de cero propostas, a nada máis absoluta". Tamén queren unha nova lei de medios.
Dende o PNV piden cautela. Para o seu voceiro no Congreso, Aitor Esteban, "hai temas que son moi delicados", como o da liberdade de expresión, "e non se pode facer calquera cousa".
A parte socialista do Goberno pide calma aos socios da investidura. Segundo María Jesús Montero, vicepresidenta primeira, "non podemos ter a tentación de intentar solucionalo no prazo de 48 horas, (...) temos que facer un debate pausado".
Para ERC e Junts, Pedro Sánchez manobrou con fins electorais, para interferir na campaña catalá, algo que nega o presidente. "Non, perdoen, eu tiña que facer unha reflexión persoal", asegurou Pedro Sánchez nunha entrevista na Cadena SER.
Pero o presidente do Goberno retorna xa á campaña. Esta semana vai participar en dous mitins apoiando o candidato do PSC, Salvador Illa.