Os traballadores da recollida do lixo na Coruña ameazan con intensificar a folga
Os traballadores da recollida do lixo na Coruña ameazan con intensificar a folga
Advirten que se non se chega a un acordo a mediados deste mes haberá paros indefinidos desde o 1 de agosto
Este luns e o martes están previstos novos paros
A situación parece lonxe de arranxarse. Traballadores do servizo de recollida de lixo retiraban, esta fin de semana na Coruña, exclusivamente as bolsas que se acumulan no exterior dos colectores, tal e como acordaron en asemblea. Esta retirada do lixo realízase na véspera dos dous días de paros convocados para este luns e martes.
"Só hai servizos mínimos para os días que se acordaran anteriormente, para os días de ampliación non hai servizos mínimos, isto que quere dicir que todo traballador que se queira acoller ao seu dereito á folga non está obrigado a ir traballar. É moi probable que non vaia ninguén", di Alfonso Seijo, voceiro do Sindicato de Traballadores da Limpeza.
Esta folga indefinida con paros intermitentes deixa tamén a imaxe de colectores queimados, uns feitos dos que o Comité de folga se desvinculou. Mentres, a cidadanía sofre as consecuencias dunhas beirarrúas cheas de lixo desde hai case dúas semanas.
"Non arranxaron nada, seguen igual, non sei que opinar disto porque é un noxo". "Nós saímos un pouco por aí e non vimos unha cidade tan sucia coma esta, desde logo", aseguran algúns veciños.
Polo momento, non hai avances na negociación e se a empresa concesionaria non atende as demandas dos traballadores, entre elas o cumprimento do convenio colectivo, din que intensificarán a folga.
"Se non se chega a un acordo a mediados deste mes, seguramente a folga sexa con paros indefinidos desde o 1 de agosto", engade Alfonso Seijo.