Publicador de contidos
Publicador de contidos

En Galicia, só quedan tractores en Ourense e este xoves volverán ás granxas

En Galicia, só quedan tractores en Ourense e este xoves volverán ás granxas

A protesta dos gandeiros desínflase en Lugo

G24.gal 07/02/2024 12:02 Última actualización 07/02/2024 21:42

Os tractores permanecen aparcados este mércores rodeando a Subdelegación do Goberno en Ourense por segundo día consecutivo, despois de iniciar unha protesta este martes en contra das políticas agrarias europeas.

Os vehículos agrícolas atópanse aparcados arrimados á beirarrúa ante a Subdelegación, ocupan dous carrís na rúa próxima de Xoán XXIII, e permanecen tamén na avenida da Habana.    

As protestas gandeiras chegaban como réplica ás mobilizacións producidas en Europa e varias comunidades españolas nos últimos días.

Unha caravana dun centenar de tractores desprazouse este martes desde distintos puntos da provincia de Ourense ata a capital desde concellos como Xinzo de Limia, Maceda, Montederramo e Castro Caldelas para protestar contra as políticas que afectan o sector primario.

Sobre as 11:00 horas, un grupo duns catro produtores entraron ao edificio para reunirse co subdelegado do Goberno, Emilio González.

Á saída do encontro, estes produtores comunicaron que prevén continuar cos seus vehículos agrarios aparcados no centro da cidade ata as 11:30 horas deste xoves, pois despois contan con volver ás súas casas para poder celebrar o Entroido durante a fin de semana.

"O venres hai que preparar os animais e a fin de semana é para gozar coas familias porque son os días importantes do rural ourensán e todas queren gozar cos seus fillos", manifestou o voceira das protestas do sector en Ourense, Miguel Gómez, quen explica que "hai que deixar as producións gandeiras en orde".

No caso de Lugo as protestas do sector desinfláronse nas últimas horas. Este mércores os gandeiros non se concentraron.

Non se descarta que nos próximos días se reaviven esas protestas, pero neste momento ningunha organización de gandeiros nin produtores a título individual teñen previsto saír cos seus tractores nas próximas horas, segundo informaron a EFE fontes do propio sector.

De feito, fontes de Agromuralla -asociación que agrupa a produtores de leite das provincias de Lugo e A Coruña-, confirmaron que este mércores a “situación está tranquila”, á espera de noticias.

En todo caso, o sector lembra que as súas reivindicacións e demandas seguen sendo as mesmas. Fundamentalmente un cambio na normativa que chega de Europa, cunha excesiva carga burocrática e con requisitos que “afogan ás explotacións”.

O Goberno galego cre que a lexislación europea non se pode facer de costas aos agricultores e gandeiros. O conselleiro de Medio Rural, José González, apela ao Goberno central, para que adopte unha postura máis contundente en defensa do sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade