Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os transportistas manteñen o paro indefinido tras a reunión coa ministra

Os transportistas manteñen o paro indefinido tras a reunión coa ministra

Aseguran que non cubren custos para non contratar a perdas

Raquel Sánchez avanzou que podería ter un borrador de lei nun par de meses, pero a plataforma solicita medidas urxentes

 

G24.gal 25/03/2022 19:24

O presidente da Plataforma Nacional pola Defensa do Transporte, Manuel Hernández, confirmou que van manter o paro que xa afecta á cadea de subministración de toda España durante doce días. Confirmouno tras a reunión que mantiveron coa ministra Raquel Sánchez 

Segundo Hernández, a ministra explicou que nun par de meses un "borrador de lei" estaría listo, pero que ata daquela non pode aprobar medidas transitorias para garantir o cobro por riba dos custos, o que levou os transportistas a manter o paro.

Hernández concluíu dicindo que se nos dous próximos días a ministra non ofrece as garantías que lle piden, o paro terá que manterse.

"Nós xa non podemos poñer máis cartos porque non o temos", asegurou Hernández, presidente da Plataforma Nacional pola Defensa do Transporte.

Entre as medidas transitorias que piden os transportistas, Hernández reclama que se poida denunciar o cargador que pague por debaixo dos custos sen ter que entrar en demandas "que acaban por durar 4 ou 5 anos".

A plataforma ofreceuse a executar este tipo de denuncias e trasladarllas á Inspección de Transportes, pero tamén pediu que o organismo se comprometa a executalas "de maneira inmediata".

A ministra pide "un xesto de responsabilidade coa sociedade" e que retomen a actividade

Raquel Sánches, ministra de Transportes, solicitou aos membros da Plataforma Nacional pola Defensa do Transporte por Estrada que teñan un "xesto de responsabilidade coa sociedade" e retomen a actividade o luns.

Sánchez confía en que os transportistas poñan fin ao paro e que o luns se poida resolver a situación. "Prefiro moverme neste escenario porque hai elementos que desmotivan que se manteña ese paro e esa mobilización", dixo a ministra. 

Tamén subliñou que as demandas da plataforma están recollidas no documento asinado co CNTC este xoves.

O Goberno tamén sopesa a posibilidade de sacar o Exército para garantir a seguridade dos transportistas que queren seguir traballando e que, de continuar co paro, "actuarán con contundencia" contra "a minoría que fai actos violentos".

O paro continúa pese ao acordo co Goberno

Os transportistas seguen adiante co seu paro indefinido. Din que o acordo acadado a pasada madrugada cos representantes do sector non abonda. O presidente da plataforma convocante reuniuse esta tarde coa ministra, pero a xuntanza rematou sen froitos.

Manuel Hernández reclamaba medidas transitorias mentres non se aprobe a lei que prohibirá contratar un transporte por debaixo dos custos.

O presidente da Plataforma para a Defensa do Sector do Transporte explicou "o prezo que nos vaian pagar o luns non nos vai dar para cubrir os custos. Se iso non se corrixe ata que esta lei estea en vigor e non se poida contratar a perda non podemos desconvocar este paro".

A Plataforma non forma parte do Comité Nacional do Transporte por Estrada que negociou co Goberno. O executivo acordou con eles gastar máis de mil millóns de euros, o dobre do anunciado a principios desta semana.

Máis da metade servirán para descontar 20 céntimos por litro no gasóleo, 15 a cargo do estado e 5 por parte das petroleiras. E co resto vanse pagar axudas directas por vehículo, desde 1.250 euros por camión ata os 300 que recibirán os taxistas.

Tanto a ministra coma os representantes do sector confíaba en que lles bastase os convocantes do paro, a pesar de que non participaron nas negociacións.

Raquel Sánchez cre que "as reivindicacións que partían do Comité e da Plataforma foron atendidas e non existen motivos, ou agora xa escusas, para non remotar totalmente a actividade".

Rafael Aguilera, director de UNO Logística, cualificouno de "acordo histórico". Para Julio Villaescusa, presidente de Fenadismer, "hoxe non hai motivos xa para continuar no paro".

As axudas estarán en vigor ata o 30 de xuño. Neses 3 meses, estima que suporán para cada camioneiro un aforro de más de 3.500 euros. O Goberno tamén se compromete a aplicarlle ao sector a lei da cadea alimentaria, que prohibe contratar por debaixo dos custos do servizo.

A reunión cos folguistas prodúcese despois desta manifestación en Madrid, ás portas do Ministerio de Transportes. Entre 10.000 e 20.000 camioneiros esixiron ao Goberno que atenda as súas demandas.  Mañá continuarán cos actos de presión, con marchas lentas polas rúas de distintas cidades españolas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade