Os trastornos do sono disparan a venda de somníferos
Os trastornos do sono disparan a venda de somníferos
O 30 % da poboación ten problemas para descansar, o que se transforma en insomnio crónico no 10 % dos casos
Desde a pandemia non deixaron de medrar as vendas de psicofármacos e produtos naturais para conciliar o sono
Cada día durmimos menos horas e con peor calidade do sono. O 30 % da poboación ten problemas para descansar, o que se transforma en insomnio crónico no 10 % dos casos.
Se nalgún sitio se nota que o problema vai a máis é nas farmacias. A venda de somníferos repuntou a raíz da pandemia e segue sen baixar, tanto no caso dos remedios naturais coma no dos psicofármacos.
"Medraron as vendas e as consultas e as preguntas na farmacia, xente que di que dorme fatal e pide consello", explica María José García Gómez, a titular da farmacia O Castiñeiriño, en Santiago.
Malia que estes fármacos poden axudar, o consello é seguir as pautas e os tempos prescritos para evitar abusos. "O médico ten que facer un seguimento da evolución do sistema nervioso do paciente e valorar ata que punto precisa continuar co tratamento", engade a farmacéutica.
Se o problema persiste, o mellor será consultalo cos especialistas, porque a falta de sono pode ser causa ou síntoma doutras doenzas. "Ata o 80% dos pacientes poderían estar sen diagnosticar. É un problema importante que afecta a calidade de vida dos doentes e tamén a moitas enfermidades crónicas", advirte Carmen Montero, a xefa de Pneumoloxía do CHUAC.
Evitar pantallas ou actividades estresantes antes de durmir ou ter horarios regulares son outros dos mandamentos para conciliar sono de calidade.