Trastorno do sono, cansazo ou irritabilidade son algúns dos efectos do cambio de hora
Trastorno do sono, cansazo ou irritabilidade son algúns dos efectos do cambio de hora
Se non hai trastorno do sono previo, os especialistas aconsellan manter as mesmas rutinas
O período de adaptación ao novo horario adoita prolongarse unha semana
Na fin de semana tivemos unha hora menos de sono. Para moitos este pequeno cambio notouse na volta á rutina cotiá da semana.
"Non sei se foi o cambio de hora, pero non puiden pegar ollo en toda a noite", di unha veciña da Coruña. Outros din notar un "lixeiro cansazo ata que un xa se pon en actitude de traballar". Unha nai conta que "quen máis o notou foi o neno máis pequeno que ten dous anos porque está máis irritable". Outra familia di que "saímos un pouco antes para o colexio e agora é de noite cando antes era de día".
Para os expertos estes efectos do cambio ao horario de verán son normais nos primeiros días.
"Hai persoas que están máis irritables, con máis cansazo, fatiga e incluso con problemas dixestivos", asegura Verónica Rey, directora de In&Out Psicoloxía.
Se non hai ningún trastorno do sono previo, aconsellan manter as mesmas rutinas.
"Hai quen di que como ten unha hora menos para durmir bota unha sesta máis longa dunha horiña. Mais non se debe facer iso. É importante que sigamos as mesmas rutinas que tiñamos antes en relación ao sono", prosegue Rey.
Segundo a Sociedade Española do Sono (SES), o cambio de horario, aínda que sexa só dunha hora, produce un desequilibrio no noso reloxo interno, polo que precisa un período de reaxuste que, para os especialistas, podería durar unha semana.
A explicación dánola a psicóloga.
"No cerebro hai unha parte que se chama hipotálamo que regula os períodos de sono e vixilia e pode desaxustarse un pouco. Pero o certo é que nunha semana estamos coma novos".