Os trixemelgos de Beade abandonan a unidade de neonatos do Álvaro Cunqueiro
Os trixemelgos de Beade abandonan a unidade de neonatos do Álvaro Cunqueiro
Os seus pais afrontan con ilusión o reto de atender unha familia numerosa
O matrimonio xa tiña outros dous fillos de curta idade
Despois de cinco semanas na unidade de neonatos do hospital Álvaro Cunqueiro, os trixemelgos de Beade están por fin na casa xunto aos seus dous irmáns maiores, de seis e dous anos. Os felices pais, Julio e María, afrontan agora, nerviosos pero emocionados, o reto de organizarse para atender a súa familia numerosa.
Aarón, Mael e Raúl deixaron o hospital da man dos seus pais que afrontan con ilusión e valentía o reto de atender e criar os trixemelgos.
"Estamos emocionados, con ganas de ir para a casa e comezar esta nova etapa", di Julio, o pai. María, a nai dos pequenos, confesa que está nerviosa "porque agora si que imos saber o que é ter cinco nenos na casa".
E é que os trixemelgos teñen dous irmáns maiores: Mauro, de seis anos e Gala de dous.
"Teñen moitas ganas de velos, sobre todo o irmán maior".
Foi un embarazo natural, algo que no caso de trixemelgos só se dá nun de cada dez mil casos. Agora toca organizarse na casa.
"Comezaremos a traballar en breve. Teremos que ir collendo unha rutina e tirar para adiante. Unha etapa bonita, pero que, obviamente, vai ser dura", comenta Julio.