Publicador de contidos
Publicador de contidos

Abraham, o bebé de menor peso nacido en Galicia, xa está na casa e con boa saúde

Abraham, o bebé de menor peso nacido en Galicia, xa está na casa e con boa saúde

Abraham Giménez pesou 393 gramos e baixou ata os 360: "Era transparente"

O pequeno fai cinco meses e xa pasa dos tres quilos, con vitaminas para gañar corpo

G24.gal 02/12/2024 13:42

Chámase Abraham Giménez, este martes fai cinco meses e xa leva ao lombo toda unha historia de superación. 

"Un guerreiro, un campión", di orgullosa a nai, Noemí Gabarre.

Naceu con 393 gramos e quedou en 360. É o neno de menos peso nacido en Galicia e pode ser que de España. Imaxinen: menos que un paquete de arroz.

"Era máis grande o biberón que o neno cando naceu. Era transparente, o neno", lembra Luís Miguel Giménez, o pai.

Lonxe de se render, Abraham lanzouse polo peso perdido.

"Cando os outros nenos con 3-4 quilos comían 30-40 de biberón por sonda, el comía 70 con pouco máis dun quilo. Comía moito. Os outros comían cada tres horas e el cada hora e media", engade o pai. 

Ao seu lado, na batalla, todo un exército, o equipo da UCI de neonatos do CHUS, para os que a familia non ten máis que palabras de agradecemento.

"Necesita soporte respiratorio dende o principio, soporte nutricional. Practicamente tiñamos que facer a dieta diariamente, calculando calorías, conseguindo que o bebé fora gañando peso pouco a pouco", explica Alejandro Muñuzuri, médico da UCI de neonatos do CHUS.

"É un labor que hai que premialos porque o merecen. A sanidade pública é o mellor", resalta un avó exhultante, Abraham Giménez.

Atrás quedan eses días, que foron moi duros. Agora é o momento de desfrutar, cos coidados e precaucións de todos os neonatos.
 

"O único que temos que darlle son vitaminas e uns pos para que faga corpo, pero ningún tratamento", sinala o pai.

"En principio estamos moi contentos coa evolución que levan. Nós seguimos aquí estes bebés ata os sete anos. Si que son bebés que, sobre todo, nos primeiros anos teñen que ter máis coidado coa patoloxía pulmonar", advirte Muñuzuri.

Con cinco meses, Abraham xa pasa dos tres quilos... e o que lle queda por diante. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade