Os ultras do Málaga desfán un bar nas inmediacións de Riazor
Os ultras do Málaga desfán un bar nas inmediacións de Riazor
A Policía Nacional tivo que intervir para evitar enfrontamentos entre os afeccionados andaluces e os seareiros do Dépor
O Deportivo-Málaga, que se xoga este domingo ás dúas da tarde, está considerado un partido de alto risco
Máis dun cento de ultras do Málaga provocaron o pánico a primeira hora desta noite nas inmediacións do estadio de Riazor, na Coruña. Formando unha gran columna achegáronse ata un bar, onde se atopaban seareiros do Dépor. Segundo se pode ver en varios vídeos, gravados por veciños, actuaron con gran violencia, escachando os vidros e rompendo o mobiliario do establecemento.
Los ultras del Málaga generando altercados en los aledaños de Riazor.
— Ju@n🍍 (@juanborrego98) October 5, 2024
Es deleznable y una auténtica vergüenza. pic.twitter.com/85s3UfS4Av
Tivo que intervir a Policía Nacional para evitar enfrontamentos entre as dúas afeccións.
Segundo fontes consultadas por Europa Press, polo momento non se produciu ningunha detención por estes feitos e, tras a chegada de efectivos da Policía Nacional, os ultras regresaron á hospedaxe en que se atopaban aloxados fóra da Coruña.
En todo caso, as forzas de seguridade investigan o sucedido e para este domingo mantense o reforzo policial, xa que o partido, ás dúas da tarde, xa fora declarado de alto risco pola Comisión Antiviolencia.
Repulsa dos clubs
Nun comunicado, o R. C. Deportivo amosou a súa "máis firme repulsa" e a súa "condena" aos actos vandálicos producidos na cidade herculina.
➡️ Comunicado do RC Deportivo.
— RC Deportivo (@RCDeportivo) October 6, 2024
ℹ️ https://t.co/QkFov081GL pic.twitter.com/FpC59zKbXD
Anunciou tamén que fará "todo o posible para perseguir" os responsables. "O fútbol é un deporte que promove a irmandade das afeccións; e a cidade da Coruña e os afeccionados do Dépor merecen respecto". Nesta liña, manifestou que o club vai salvagardar "a súa afección, que foi "un exemplo de deportividade por todas as cidades ás que se desprazou".
Pola súa banda, o Málaga C. F. colgou unha mensaxe nas súas redes sociais na que expresa o seu "rexeitamento aos episodios violentos vividos onte á noite na Coruña". "Este tipo de situacións non representan o malaguismo", resolveu.
El Málaga CF expresa su rechazo a los episodios violentos vividos anoche en A Coruña.
— Málaga CF (@MalagaCF) October 6, 2024
Este tipo de situaciones no representan al malaguismo.