Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os usuarios de patinetes eléctricos protestan contra a nova normativa da DXT

Os usuarios de patinetes eléctricos protestan contra a nova normativa da DXT

Tráfico vai esixir, a partir de 2024, unha certificación de seguridade para circular 

Os vehículos que xa están en uso poderán seguir funcionando ata o ano 2027

G24.gal 27/02/2022 16:02

As asociacións de usuarios de patinetes eléctricos de Galicia concentráronse en Vigo para protestar contra a nova normativa da DXT que vai regular o uso destes vehículos. Todos os patinetes eléctricos que se vendan a partir de 2024 deberán pasar unha certificación de seguridade.

A normativa da DXT establece distintos requisitos sobre o sistema de freado, os puntos reflectores ou os avisadores acústicos que deberán emitir os patíns. A velocidade non poderá pasar de 25 km/hora e a potencia tamén estará limitada.

"Limítannos a velocidade e tamén a potencia. Nunha cidade como Vigo, chea de costas, unha persoa de peso non vai poder circular", asegura Bernardo Rey, presidente da Asociación Viguesa de Vehículos de Mobilidade Persoal.

As asociacións de usuarios aseguran que a nova normativa vai supoñer que a maior parte dos patinetes que están agora en circulación deixarán de poder transitar.

Isto é unha obsolescencia programada a nivel normativo. O destino de case 3 millóns de vehículos de mobilidade persoal que están rodando hoxe en día, cumprindo o real decreto que se aprobou hai un ano e medio, é que vaian ao lixo dentro de cinco anos", asegura Enrique Fernández, presidente da Asociación Coruñesa de Vehículos de Mobilidade Persoal. 

O que reclaman é que se lles aplique a mesma normativa que regula as bicicletas. 

"A forma de conducir, tanto en bicis coma en vehículos de mobilidade persoal son moi parecidas, tanto en masa, como no risco dos usuarios, como nas vantaxes que ten, como o silencio ou as non emisións", asegura Enrique Fernández.

A normativa da DXT prevé unha moratoria. Os patinetes que xa están en uso poderán seguir circulando ata o ano 2027.

Os participantes na concentración de Vigo tamén protestan contra a nova ordenanza municipal en fase de trámite. Consideran excesivo que se lles esixa un seguro de responsabilidade civil por 500 mil euros, e din que o uso dos patinetes vai quedar restrinxido a poucas zonas da cidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade