Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os usuarios do centro de maiores de Cabana van ao instituto a Ponteceso

Os usuarios do centro de maiores de Cabana van ao instituto a Ponteceso

Os intercambios entre o IES Eduardo Pondal e o centro de día son parte da formación práctica dos alumnos do ciclo de Atención a Persoas en situación de Dependencia

No centro de día compartiron os xogos tradicionais e agora no instituto fixeron o mesmo en versión dixital 

O IES de Ponteceso está abrindo ciclos da área sociosanitaria porque hai demanda de profesionais 

G24.gal 05/04/2024 17:02 Última actualización 05/04/2024 17:57

O programa da Semana Cultural do Instituto Eduardo Pondal de Ponteceso converte estes días a biblioteca nun punto de encontro interxeracional. Os alumnos de secundaria fan de anfitrións e reciben os usuarios do Centro de Día de Cabana.

Replican así unha experiencia que o trimestre pasado foi a inversa. Estas visitas recíprocas son parte da formación práctica dos estudantes do ciclo medio de Atención a Persoas en situación de Dependencia. O balance que fan destas experiencias non pode ser máis positivo por ambas as dúas partes.

"Eu cando estou cos rapaces novos estou contenta. Aquí paréceme que son coma eles", di Marina, a máis veterana, con 91 anos.

Cando os estudantes foron ver os maiores compartiron xogos tradicionais como estímulo e pasatempo. E aquí agora fan outro tanto, pero noutro formato, coa axuda dos compañeiros da materia de competencias dixitais. Á vez que crean novos vínculos, os futuros profesionais din que estes contactos reafirman o seu compromiso coa formación que escolleron. 

"Falas con outra xente así e podes aprender cousas deles e eles poden aprender cousas nosas", di Saray, unha alumna do ciclo de Atención á dependencia

"Os estudantes fan intercambios con centros de día, xeriátricos, casas do maior ou entidades de apoio a persoas con dependencia", explica Eva Rodríguez, unha das profesoras do IES, "para que poidan ver o seu campo de traballo. Este ciclo iniciouse o curso pasado e xa lle toca graduarse á primeira promoción, que neses momentos esta facendo un intercambio co programa Erasmus". 

Os responsables do IES de Ponteceso resaltan que é unha profesión de paro cero porque hai moita demanda, igual ca noutras da rama sociosanitaria que pretenden ir incorporando proximamente á oferta de formacións do instituto. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade