Os veciños da Illa de Arousa sofren a presión do turismo no tráfico de acceso a illa
Os veciños da Illa de Arousa sofren a presión do turismo no tráfico de acceso a illa
Atoamentos quilométricos nas fins de semana e nas horas da volta das praias
A illa de Arousa está de moda e nótase nas quilométricas retencións que se viven nas fins de semana e na hora da volta das praias. O único acceso é unha ponte que se converte nun auténtico funil con centos de coches atoados. Os máis afectados son os veciños; moitos mesmo tentan non saír da illa nos días de maior afluencia nas praias.
Atoados na illa de Arousa. Así se senten algúns veciños, que sofren atascos quilométricos na ponte de acceso polo tirón turístico dos seus areais. De feito, moitos néganse a saír da illa na temporada estival para non ter que aturar colas quilométricas. Outros están máis afeitos á situación.
É un problema moi difícil de atallar. Non queren morrer de éxito polo que están a dar solucións alternativas. O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, expón que hai un aparcadoiro disuasorio para máis de 900 coches e que están promovendo o uso das bicicletas e tentando implantar un sistema de lanzadeiras para achegarse aos areais da zona.
O maior problema é a rotonda de Deiro, que comunica as estradas de Cambados, Vilagarcía e a autovía do Salnés. Hai aparcadoiro disuasorio, promóvese o uso da bicicleta, e mesmo hai alternativas para evitar atoamentos que moitos non coñecen.
O inspector xefe da policía de Vilanova de Arousa, Diego Díaz, comenta que hai rutas alternativas para evitar os atoamentos na saída da illa.
Os concellos da Illa e de Vilanova de Arousa están na procura da difícil conciliación entre o benestar dos veciños e a afluencia crecente do turismo na zona.