Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os veciños de Becerreá urxen a Deputación a abrir a residencia de maiores

Os veciños de Becerreá urxen a Deputación a abrir a residencia de maiores

A construción rematouse hai dous anos, pero aínda non dá o servizo

Edificio da residencia de maiores de Becerreá
G24.gal 07/02/2024 13:34

No concello lugués de Becerreá os veciños están moi molestos polo atraso na apertura da residencia de maiores da Deputación. A construción do edificio rematou hai dous anos, pero aínda non comezou a dar servizo.

A estrutura está rematada dende aquela, pero a Deputación atrasou a posta en marcha por graves carencias que impiden a súa apertura. O organismo provincial sinala que xa se están acometendo as obras para resolvelas. 

En Becerreá constituíron unha plataforma para exercer presión. Para moitos veciños son todo escusas. Lourdes Fernández, voceira da Plataforma pro apertura da Residencia de Becerreá di que "primeiro dixeron a covid, a guerra de Ucraína... e cincuenta mil historias, pero resulta que a única obra que se paralizou foi a de Becerreá. Estamos pedindo á Deputación que poñan isto en funcionamento e que dean os pasos de amoblar e o centro de electrificación para logo facer outros trámites burocráticos porque nos teñen estancados e non se pode facer nada".

A residencia prestará servizo a todos os concellos da comarca, concellos de montaña cunha poboación envellecida. "Hai unha en Pedrafita e outra en Navia de Suarna que están a tope con lista de espera. E coa boa residencia que temos aquí... que non a queiran abrir! Aquí hai clientes porque hai moita xente maior. Eu non sei a que esperan para abrila", di unha veciña.

Conta con 100 prazas residenciais e 50 de centro de día. "Inflúe en todo. Tamén na economía da vila porque habería máis postos de traballo", di outra.

Este sábado a plataforma convoca unha manifestación en Becerrá. "Porque é un ben para todos. Máis postos de traballo pero sobre todo o coidado dos nosos maiores", aseguran.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade