Publicador de contidos
Publicador de contidos

Veciños dunha rúa de Padrón piden que se limite o paso de vehículos para poder andar sen perigo

Veciños dunha rúa de Padrón piden que se limite o paso de vehículos para poder andar sen perigo

Din que a nivelación da calzada e a beiravía que se fixo na última reforma da rúa agravou o risco de atropelos

A situación é especialmente crítica nos puntos onde a vía é especialmente estreita e os coches pasan a rente das casas

G24.gal 12/03/2024 15:15 Última actualización 12/03/2024 21:06

A rúa de Santiago, a vía principal da barriada da Trabanca, ten un tráfico intenso porque é parte do trazado da estrada comarcal que vai de Padrón a Rois e Noia.

Con esa trasfega habitual, a convivencia entre coches e peóns resulta difícil. Circular por aquí é especialmente complicado á hora do cambio de quenda das industrias que hai máis arriba.

Os afectados din que todo empeorou cando se fixo a última reforma da rúa, e se puxo a beiravía ao mesmo nivel da calzada. 

Algúns chegaron a poñer rodas diante da porta para que os coches manteñan a distancia.

Tras as sucesivas protestas veciñais, desde o Concello de Padrón din que están estudando como solucionar tanto as humidades que provocou a última reforma da rúa, como os problemas de seguridade que os veciños levan denunciando reiteradamente.

Entre os afectados hai disparidade de preferencias; uns queren que se limite a uso peonal agás para residentes e servizos, outros din que debería ser de sentido único e outros prefiren que se manteña o dobre sentido, pero con restricións de paso. Estes últimos piden, por exemplo, semáforos que enlentezan o tráfico e animen moitos condutores a ir por outras rutas alterativas.

No Concello contan con poder aplicar unha solución integral de cara ao verán, cando o tráfico pola rúa se reduce pola parada do transporte escolar e as vacacións nas empresas da zona. Esperan que para daquela poidan ter avaliado tamén que repercusión tería cada posible solución tanto no tráfico da rúa coma no das rutas alternativas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade