Os veciños homenaxean as vítimas da explosión da pirotecnia de Paramos
Os veciños homenaxean as vítimas da explosión da pirotecnia de Paramos
Hai catro anos a explosión causou a morte a dúas persoas e destruíu 30 casas
Agárdase que pronto se poida abrir xuízo oral contra o único acusado, o dono da pirotecnia.
Tal día coma hoxe de hai catro anos a vida cambiaba por completo na parroquia de Paramos, en Tui. A explosión dunha pirotecnia causoulles a morte a dúas persoas e destruíu trinta casas. Os veciños renderon este luns homenaxe ás vítimas do fatal suceso.
Un acto de lembranza ao matrimonio de orixe marroquí que perdeu a vida a consecuencia da explosión e tamén para tratar de recuperar unha normalidade crebada aquel 23 de maio de 2018. Das trinta casas destruídas, 21 foron rehabilitadas. Queda aínda unha familia por refacer a súa, por unha cuestión de licenzas.
Cinco veciños decidiron retomar a vida fóra de Paramos e hai tres vivendas que eran segundas residencias e que xa non se reconstruirán. No plano xudicial o proceso vai lento. A instrución aínda non concluíu.
Agárdase que este ano se poida abrir xuizo oral contra o único acusado, o dono da pirotecnia. Entrementres, coa memoria moi presente daquel día, os veciños din que a vida xa nunca será igual.