Os viquingos volven a invadir O Vicedo
Os viquingos volven a invadir O Vicedo
V Romaxe Viquinga no Vicedo
A festa recrea a pegada que deixaron os viquingos na praia de San Román
É a festa que recupera a historia do Vicedo. Esta fin de semana volve a Romaxe Viquinga á praia de San Román, a mesma que, segundo os traballos arqueolóxicos realizados, puido albergar un asentamento viquingo alá polo século IX.
"Aquí podíanse xuntar as naves que viñan dende moi lonxe, de Inglaterra, Escocia, as naves viquingas xuntábanse aquí, cando estaban todos xuntos, descansaban un pouco e pasaban a invadir, como foi o caso de Santiago, de Catoira, pasaban a invadir o norte de España", explica Jesús Novo, alcalde do Vicedo
No Vicedo quixeron recuperar esa parte da súa historia e contala a través dunha festa que prevé acoller máis de 10.000 visitantes ao longo de todo o día.
"A partir das doce e media empeza o desembarco como tal, onde os cristiáns reciben non amistosamente os viquingos, hai unha pequena batalla. Iso durante a mañá, e despois todas as actividades desprázanse á zona do mercado viquingo, onde se recrea un pouco a vida nesa época", informa José Antonio Quelle, técnico de Cultura e Turismo do Vicedo
Haberá postos de artesanía, para comer e unha nutrida programación de actividades para todas as idades. O colofón será á medianoite cun solemne enterramento viquingo.
"Onde se queima un barco evidentemente cun morto dentro e despois o que é a voda viquinga, porque ten que acabar ben a cousa e ás doce da noite facemos unha voda", apunta o técnico de Cultura.