Os viticultores aproveitan o tempo seco para facer a poda de inverno
Os viticultores aproveitan o tempo seco para facer a poda de inverno
Cómpre podar en días secos e antes de que comece a brotación
Equilibrar a carga é fundamental para obter viños de calidade
Nunha boa poda comeza un bo viño. E o momento adecuado para facela é xusto agora, cando o inverno paraliza a planta.
"É o momento en que a vide non ten folla, está en plena parada vexetativa e os cortes de poda, as feridas, fan menos mal porque non hai moito zume circulando", explica Alberto Barral, responsable de viticultura da cooperativa Condes de Albarei.
Neste emparrado de albariño do Pazo Baión, a poda faise de maneira artesanal, da man dos traballadores con máis experiencia. Trátase dunha operación delicada, na que eliminan partes vivas da planta e deciden canto vai producir.
"O noso obxectivo non é ir a grandes producións, o que queremos é calidade. A carga que deixes na poda vai marcar todo o proceso do resto do ano e, finalmente, a vendima", engade Alberto Barral.
Cómpre que os cortes non sexan moi grandes e que as ferramentas de poda estean desinfectadas para evitar a propagación de doenzas. Terminada a poda, chegará outro traballo importante, o do atado.
"Co atado distribuímos as varas de produción pola superficie da parra. É importante facelo para ter unha repartición homoxénea da masa vexetal e así evitar despois zonas con moita vexetación que non deixan pasar aire ou fan sombras aos acios"
Malia que a tradición tamén ten en conta o calendario da lúa para comezar a poda, aquí son mais partidarios de dar prioridade os días secos, nos que é máis difícil que se contaxien enfermidades polo viñedo.