Novas medidas para paliar os problemas polos excedentes acumulados nas adegas da Ribeira Sacra
Novas medidas para paliar os problemas polos excedentes acumulados nas adegas da Ribeira Sacra
Os restos de colleitas doutros anos converteranse en alcol para uso industrial
Á mellor colleita da historia seguiuna unha pandemia que provocou o descenso das vendas e a acumulación de excedentes: "Que falte un mes para a vendima e non ter a colleita vendida e algo que non acordo nunca", explica un viticultor da Ribeira Sacra
Comeza de xeito oficial a vendima na D. O. Monterrei con boas expectativas
A Xunta acaba de aprobar unha batería de axudas para as adegas da Ribeira Sacra. Van destinar 500 mil euros para a chamada destilación de crise, que supón dedicar ese excedente a producir alcol de uso industrial. Esta cantidade será ampliable de ser necesario ata os 2,4 millóns de euros
Ademais, destinaranse outros dous millóns para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra para as adegas que fan a denominada viticultura heroica.
Estas actuacións -que forman parte dun amplo paquete de apoio á denominación de orixe (DO) Ribeira Sacra en particular, así como ao sector vitivinícola galego en xeral- implementarase mediante unha orde de axudas que se publicará antes de finais deste 2024.
Así mesmo, reforzaranse as estratexias de promoción da calidade desta denominación de orixe, e activaranse axudas para que os adegueiros poidan acceder a préstamos para a recollida de uva.
Na Ribeira Sacra rexistraron en 2019 a mellor colleita da historia, pero tras esas boas cifras chegou unha pandemia, numerosas restricións, menos actividades de ocio... e todo iso repercutiu negativamente nas vendas de viño.
"A tormenta perfecta xuntouse para que haxe uns excedentes que nós queremos sacar das adegas. Aquí hai moitas adegas pequenas que non teñen capacidade para seguir mercando uvas doutras campañas", explica Antonio Lombardía, presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
As adegas acumularon moitos excedentes e quedaron sen capacidade para nesta nova campaña seguir traballando con normalidade.
Nótano ben moitos viticultores como David. Das súas vides colgan agora preto de 40.000 quilos de uva para os que non ten comprador.
"Que falte un mes para a vendima e non ter a colleita vendida e algo que non acordo nunca. Eses racimos van quedar aí para os bichos, se non llos vou vender a ningunha adega non vou gastar tempo e traballo e sacalos das viñas porque non compensa", explica o viticultor de Pantón David Álvarez.
Buscan medidas que lles permitan equilibrar de novo a oferta e a demanda.
"Nós chamámoslle resetear a denominación de orixe. Eliminar ese excedente provocado por un tema alleo a nós e repensar cara a donde temos que ir", sinala Antonio Lombardía, presidente da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Toca reformular o sistema nun contexto en que descendeu o consumo de tintos, que xa supoñen menos do 50 % do consumo total mundial.