Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os viticultores da Ribeira Sacra mobilizaranse para que lles garantan a compra de uva

Os viticultores da Ribeira Sacra mobilizaranse para que lles garantan a compra de uva

Só tres adegas adscritas á Denominación Ribeira Sacra comezaron este xoves a vendima “de maneira progresiva e puntual”

G24.gal 29/08/2024 14:26

Os viticultores da Ribeira Sacra anuncian mobilizacións o próximo 6 de setembro ante o Consello Regulador para esixir que se lles garanta a compra de uva. Varias adegas néganse a recoller a colleita dos seus provedores, xa que acumulan excedente de viño dende a pandemia.

"Para nós é unha situación moi grave, hai centos de viticultores ameazados con que non lles recollan a uva", asegura a secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba. O secretario de Coordinación Sectorial de UUAA explica: "Levamos tempo tratando de resolver o problema e de non chegar a esta situación. E estamos a tempo, porque a vendima forte vai empezar o día 20".

De feito, só tres adegas adscritas á Denominación Ribeira Sacra -Abadía da Cova, Damm e Salvadur comezaron este xoves a vendima “de maneira progresiva e puntual”.

Desde o pasado 26 de agosto, os técnicos do consello regulador levaron a cabo os primeiros controis de maduración nas cinco subzonas que compoñen a D.O: Amandi, Chantada, Ribeiras do Sil, Ribeiras do Miño e Quiroga-Bibei.

Tras estes primeiros controis, algunhas adegas iniciaron as tarefas de vendima debido a “particularidades moi concretas dos terreos nos que se atopan estes viñedos”, onde “as condicións climáticas e o estado de maduración da uva son óptimos”.

Con todo, a maioría das adegas e viticultores da Denominación de Orixe esperarán a “que as uvas alcancen o punto de maduración ideal” antes de iniciar a vendima.

Este é un inicio de vendima puntual por parte das tres adegas, xa que de momento non se levou a cabo a reunión do pleno do consello regulador que marca a data recomendada para o inicio oficial da vendima na D. O. Ribeira Sacra. En todo caso, esta data estará marcada polo estado de maduración óptimo da uva, segundo indiquen os mencionados controis realizados polos técnicos.

O consello regulador continuará supervisando o desenvolvemento da vendima ao longo das próximas semanas, facilitando que leve a cabo nas condicións óptimas.

Cabe mencionar que este ano, ata o momento, non se rexistraron incidencias climáticas nin fitosanitarias significativas que afectasen ao viñedo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade