Os xabarís pasean polo centro da Coruña
Os xabarís pasean polo centro da Coruña
Un grupo de xabarís sorprende os hostaleiros da praza de María Pita
Non causaron ningunha desfeita, pero deixaron preocupados os veciños
Faltaban poucos minutos para a unha da madrugada cando os xabarís irromperon na céntrica praza de María Pita, na Coruña. "Íamos pechar e escoitamos uns ruídos, miramos e xa vimos os xabarís paseando pola praza", di un hostaleiro. "A miña reacción foi coller o móbil e gravar, porque despois cóntalo e non cho cren", comentan outro.
Minutos antes xa os viran paseando pola contorna da Torre de Hércules. "Eu saín de adestrarme onte, contra as doce menos cuarto da noite, e había tres polos campos da Torre e foron polo paseo marítimo", comenta un veciño.
Malia que xa non é estraño velos polas rúas, non deixan de sorprender: "Claro que sorprende, porque que cheguen a María Pita...", di un cidadán. "É que para chegar aquí tiveron que percorrer moitas rúas antes", corrobora outro.
Hai quen sospeita de que viñeron facer a súa particular ruta gastronómica: "Ao mellor querían un pouco de polbo... Eles buscan comida...", asegura un hostaleiro. "Xa viñeron coller sitio para sentar ao mediodía aquí", chancea outro.
Uns tiran de ironía, pero a outros preocúpalles a situación: "É que se están coas crías, si poden ser perigosos". Tras esta primeira visita, os hostaleiros cren que os xabarís volverán a María Pita.