Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os xabarís volven causar estragos nas zonas verdes de Oleiros

Os xabarís volven causar estragos nas zonas verdes de Oleiros

O ano pasado houbo batidas, pero o problema persiste

G24.gal 08/09/2024 20:59 Última actualización 08/09/2024 21:22

O ano pasado houbo batidas para tratar de reducir a poboación, pero os xabarís continúan sendo un problema en Oleiros. En moitos parques do municipio son visibles os estragos que deixan as mandas ao seu paso, pero ademais os veciños están preocupados polas situacións de perigo que causan os porcos bravos.

"Aquí neste concello é horrible. Levantan todo que mete medo. É que andan por todo, pola estrada ata Santa Cruz, ao redor das estatuas e os xardíns... Non teñen medo a nada", di unha veciña da zona.

Nas últimas horas deixaron rastro do seu paso na recta de Bastiagueiro e os estragos tamén son visibles no céspede do parque de Nirvana. Hai anos que o Concello denuncia a situación.

"Logo están os que din que non se deben matar. Entón, que facemos? Vannos comer eles a nós". 

"A unha amiga nosa o can ladráballe moito e entroulle na casa. Saíu a mirar e tíñaos na porta, tres xabarís enormes", comentan dúas mulleres que pasean por Bastiagueiro.

O verán pasado a aparición de varios exemplares obrigou a parar un concerto en Santa Cruz. Pero ademais de protagonizaren anécdotas coma esta e de causaren danos reparables nos xardíns, os porcos bravos tamén teñen provocado accidentes nas estradas. Por iso, din os veciños, urxe adoptar medidas de control.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade