Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ourense perdeu máis dun 30 por cento da súa poboación no último medio século

Ourense perdeu máis dun 30 por cento da súa poboación no último medio século

É a provincia española que máis se despoboou, ao perder 136.000 habitantes

Lugo tamén perdeu poboación, mentres que Pontevedra medrou case un 20 por cento e A Coruña, un 8,4 por cento

G24.gal 24/12/2021 10:00

Ourense é a provincia española que máis poboación perdeu nos últimos 50 anos, segundo os datos históricos do Instituto Nacional de Estatística. En cifras absolutas, nesta provincia viven hoxe 304.068 persoas, 136.054 menos ca en 1971, o que supón un descenso do 30,9 por cento.

Tamén Lugo perdeu habitantes, aínda que en menor medida. Dos 421.950 habitantes que tiña no arranque da década dos 70 do século XX, pasou aos 325.194 da actualidade, case un 23 por cento menos.

Pontevedra e A Coruña, pola súa banda, medraron en poboación. Pontevedra é a provincia que máis medrou. Ten máis de 941.000 habitantes na actualidade, cun incremento respecto de hai 50 anos de case o 20 por cento, uns 156.000 habitantes máis.

A Coruña tamén medrou, aínda que algo menos. Ten hoxe 1.120.000 habitantes, 87.000 máis que fai medio século, isto é, un 8,4 por cento máis. 

A despoboación, no interior e no norte; o crecemento, na costa

No conxunto de España, 17 provincias de sete comunidades autónomas, case todas do interior e do norte, perderon preto dun millón de habitantes nos últimos 50 anos, medio século en que outras 10 provincias, a maioría costeiras, viron aumentar a súa poboación en máis de 10 millóns de persoas.

Os datos históricos do Instituto Nacional de Estatística permiten debuxar o mapa do despoboamento en España no marco do crecemento demográfico constante do país no seu conxunto.

Menos residentes, máis superficie

Esas 17 provincias suman o 43,7 por cento da superficie de España, pero só o 12,68 % dos residentes. En termos relativos, Zamora é a provincia que máis se baleirou, ao perder un 34,42 por cento de poboación. Séguena Ourense e Ávila.

En cifras absolutas, despois de Ourense están León e Lugo. En conxunto, estas 17 provincias viron reducida a súa poboación un 13,4 por cento, nun contexto en que, contrariamente, España gañou máis de 13 millóns de habitantes, un38,3 por cento. Case un terzo do crecemento deuse só nas provincias de Madrid e Barcelona.

Crise demográfica e crise económica

En canto á data en que comezou o declive de poboación, mentres algunhas provincias, como Zamora, xa empezaran a perder poboación en 1971 e mantiveron a caída, outras, como Salamanca, Segovia ou Soria remontaron nos anos anteriores á crise financeira pero a partir de 2009 ou 2010 iniciaron un descenso que non finalizou.

Nalgúns casos, a crise demográfica ten data concreta, como Asturias, Burgos e Xaén, onde a estatística marca a caída en 1982, aínda que tamén se beneficiaron temporalmente do desenvolvemento económico que logo se detivo bruscamente coa crise de 2008.

Madrid, Barcelona e as illas

En porcentaxe, Madrid e Barcelona non son as que máis crecen e, de feito, están, respectivamente, nos postos undécimo e décimo sétimo dunha clasificación que encabezan dúas provincias insulares: Baleares, cun 126,29 % de crecemento, e As Palmas, cun 106,79 %.

Tamén duplicou a súa poboación neste medio século Alacante, cun incremento do 103,52 %, e case o fixo Málaga, cun 97,46 %.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade