O xogador de squash compostelán Borja Golán, medalla Castelao 2024
O xogador de squash compostelán Borja Golán, medalla Castelao 2024
A gala de entrega celebrarase o próximo venres 28 de xuño
O grupo musical Leilía; a viguesa Maite Isla, presidenta da Coordinadora Estatal de Asociacións Solidarias co Sáhara (CEAS-Sáhara); o xogador de squash compostelán Borja Golán; o empresario chantadino Amancio López Seijas, fundador e presidente do grupo Hotusa, e a Asociación de Médicos Galegos (Asomega) son galardoados coas Medallas Castelao 2024.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns a súa designación tras a reunión semanal do seu Consello de Goberno e na conferencia de prensa posterior, enxalzou a importancia destes premios que distinguen aos galegos que fixeron contribucións singulares e levaron o nome de Galicia máis alá das fronteiras do país.
A Medalla Castelao é unha condecoración de carácter civil outorgada pola Xunta de Galicia ás personalidades e institucións que destacan polo seu traballo no ámbito artístico, literario e intelectual.
"A gala de entrega celebrarase o vindeiro venres 28 de xuño, coincidindo co aniversario da aprobación do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e do regreso a Galicia dos restos mortais de Castelao", remarcou Rueda.