Pai dun falecido no Alvia: "A loita por saber a verdade é o que me sacou adiante"
Prosegue a fase civil do xuízo para fixar as indemnizacións ás vítimas
Nunha sesión máis deste longo xuízo, os familiares dos falecidos volveron poñer de manifesto que a dor permanece co paso dos anos. A loita pola verdade é a xustiza é en moitos casos o único que lles axuda a afrontala.
"A loita, a loita é o que me sacou adiante. A liorta coas institucións que nos desfixo moito. E o que esperamos é que haxa xustiza", declaraba Rogelio, pai dun dos falecidos.
O seu fillo David tiña 36 anos. Morreu canda a súa moza na curva de Angrois. Eran pasaxeiros do tren accidentado e non adoitaban coincidir no mesmo traxecto.
"Como non haxa unha sentenza exemplar, algún destes seguirá asinando en barbeito e volveranos pasar a calquera. Eu loito polo resto", incidiu Rogelio.
"Que non volva pasar, por favor, que a seguridade sexa sempre o primeiro en estudar. Que non lle volva pasar isto a ningún porque é insoportable", aseguraba a esposa de Rogelio e nai de David.
Nesta sesión do xuízo tamén se escoitou o testemuño de varios viaxeiros. Relataron as secuelas psicolóxicas e físicas que lles deixou o accidente. A fase civil do xuízo ten por obxectivo determinar as indemnizacións ás vítimas.