Para armadores e confrarías, as axudas do Goberno non garanten a rendibilidade da frota
Para armadores e confrarías, as axudas do Goberno non garanten a rendibilidade da frota
Piden unha nova reunión con Planas para concretar outro tipo de medidas anticrise
De momento, seguen traballando pero non desbotan mobilizacións futuras
Malestar no sector do mar tras coñecer as axudas que habilita o Goberno. Armadores e confrarías din que non serven para garantir a rendibilidade da frota pesqueira. Connsidera que son medidas escasas e decepcionantes.
"Non colma nin de lonxe as nosas aspiracións. Así o sector segue a estar mal e irá cada vez a peor" declara Andrés García, voceiro de ACERGA.
O malestar é xeneralizado. A rebaixa demandada de 40 céntimos no prezo do gasóleo queda na metade. Din que a rebaixa de 20 céntimos por litro de combustible é insuficiente e que os obriga a traballar a perdas.
As exoneracións das cotas da Seguridade Social aprázanse, pero non se eliminan, e moitos barcos non van poder optar ás axudas directas.
"As axudas teñen tanta burocracia para chegar a elas que moitos han quedar fóra delas" teme García.
"Queda fóra moita frota, por exemplo, galega que pesca fóra das augas españolas e que fai a repostaxe fóra delas, esta parte quedaría fóra das axudas" explica das Javier Garat, secretario xeral de CEPESCA.
Para Luis Planas, Ministro de Agricultura e Pesca, as medidas son un paquete sólido que responde as peticións do sector.
A frota vai seguir pescando nos próximos días, pero din que estudarán outras medidas para garantir a supervivencia da actividade pesqueira.
"O malestar foi xeral en toda España, e agardamos poder ter unha nova reunión para poder concretar outro tipo de medidas" móstrase esperanzado Basilio Otero, o presidente da Federación Galega de Confrarías.
Polo momento, van seguir pescando, pero non desbotan mobilizacións para defender unha reforma profunda que logre manter a actividade pesqueira.