Denuncian a colocación de parafusos no carril bici da Coruña
Denuncian a colocación de parafusos no carril bici da Coruña
A Asociación Mobi-liza tamén denuncia a presenza de vehículos que bloquean o paso
Os vehículos alternativos ao coche van collendo pulo nas rúas da Coruña, pero non sen atrancos, tal como denuncian varios ciclistas que xa atoparon en diversas ocasións parafusos na carril bici á altura dos Cantóns.
"Penso que é alguén que por despeito ás bicicletas bótaos para prexudicar. Hai que pensar que é como consecuencia de facer toda a infraestrutura para bicicletas, pois os coches considéranse presuntamente prexudicados", comenta Antonio Vázquez, socio da Asociación Mobi-liza, entidade que defende a mobilidade sostible.
Dende este colectivo aseguran que se trata de feitos intencionados, que se repetiron ata en tres ocasións nas últimas semanas e que xa puxeron en coñecemento da policía. Tamén denuncian a presenza de vehículos que atrancan os carrís bici e mesmo o acoso excepcional dalgún condutor, aínda que recoñecen o cambio progresivo de mentalidade.
"Agora non coñezo a metade dos ciclistas que me atopo pola rúa -conta María Jesús Rodríguez, tamén da asociación Mobi-liza-. Antes éramos catro, agora somos moitísimos. Os autobuses urbanos teño que dicir que son bastante educados e amables, non tanto os de fóra".
Dende a asociación reclaman máis respecto para os que apostan por unha mobilidade alternativa ao coche.
"O que pedimos é unha mobilidade sostible e responsable, e sostible e responsable é empregar a bicicleta, ir a pé, utilizar os transportes públicos", senteza Antonio Vázquez.
"O que pasa é que algúnha persoa aínda non entendeu que era polo seu beneficio, porque estamos quitándolle o coche de enmedio, que ocupa un espazo, que contamina o aire, que fai ruido... E que se pode chegar a todas as partes en bicicleta", conclúe María Jesús Rodríguez.
A normativa europea de baixas emisións nas cidades aposta por mudar definitivamente o modelo de mobilidade urbano. E asociacións como Mobi-liza tamén queren contribuír achegando unha escola de ciclismo e un obradoiro de reparación de bicicletas colaborativo.