Publicador de contidos
Publicador de contidos

Paralizadas as negociacións entre os sindicatos e a patronal do transporte de pasaxeiros

Paralizadas as negociacións entre os sindicatos e a patronal do transporte de pasaxeiros

Os sindicatos que convocan a folga do transporte colectivo por estrada denuncian o aumento da precariedade das condicións laborais, abusos de xornada e incumprimento dos convenios entre as empresas e a Administración 

Os empresarios demándanlles ás administracións que introduzan cláusulas de revisión nos convenios existentes para que se poidan subir os prezos en función do aumento dos custos e poder atender as demandas salariais dos traballadores

G24.gal 31/03/2023 10:27

A folga do transporte colectivo por estrada convocada pola CIG, UXT e Comisións Obreiras está tendo un seguimento masivo en Galicia, segundo os sindicatos.

Nunha entrevista na Radio Galega, o secretario de Transporte da CIG, Xosé Pastoriza, advertiu de que tampouco se están cumprindo en moitos casos os servizos mínimos, que consideran abusivos.

"Cremos que os servizos mínimos son abusivos e neste momento hai un gran rebote no sector. Se non se cumpren os servizos mínimos, podería haber despedimentos, pero a min estrañaríame que despedisen 3.000 ou 3.500 traballadores".

"Non se renovan os convenios e os convenios existentes intentan precarizar. Hai abusos de xornada, hai empresas que non pagan unha extra, outras que non pagan unha axuda de custo e andan vendo por onde sacan o diñeiro".

"Están incumprindo os contratos. Nós non nos cansamos de denunciar e non vexo que a Xunta faga nada. Hai unha chea de denuncias feitas que non teñen contestación, nin da consellería de Educación nin da de Mobilidade".

"O paro vai continuar e non descartamos unha folga indefinida para despois da Semana Santa".

Para o representante da patronal galega do Transporte, Carlos García Cumplido, os empresarios non poder acceder ás demandas dos traballadores porque os contratos coa Administración non lles permiten modificar os prezos.

"As dificultades están na configuración contractual que teñen as empresas galegas na meirande parte dos seus traballos, que son uns contratos pechados que non dependen da empresa, senón das administracións públicas e isto impídenos subir os prezos destes contratos para poder trasladar o incremento de custos que supón a reivindicación laboral".

"Estase traballando coa administración pública a mellora deses contratos. Por agora esa mellora non ten acadado o volume suficiente para poder trasladarlle aos traballadores unha oferta que permita chegar a algún tipo de acordo".

"Esta realidade trasladouse por parte da Dirección Xeral de Mobilidade ao ministerio xa no mes de decembro pasado dicíndolle que era necesario que o ministerio aprobase unha fórmula de revisión deses contratos para poder facerlles fronte ás extraordinarias circunstancias que temos de carácter económico. Hai que pensar que eses contratos fixéronse no ano 2019, nun momento de estabilidade económica e desde aquela o crecemento dos custos supera o 17 %".  
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade