Parte do aceite comisado en marzo no sur de España non é apto para o consumo
Parte do aceite comisado en marzo no sur de España non é apto para o consumo
Investigan unha fábrica de Sevilla como posible epicentro da fraude
Sobe o nivel da alerta alimentaria polo aceite de oliva adulterado detectado no sur de España. As análises detectaron que non só está mesturado con outros aceites de baixa calidade, senón que, ademais, non é apto para o consumo. A Garda Civil requisou 70.000 litros do aceite adulterado e investiga unha fábrica de Sevilla como posible epicentro da fraude.
Aceites a granel que se vendían como de oliva a baixo prezo principalmente en mercados e gasolineiras na metade sur da Península, pero mesturados en realidade con outros de calidade inferior.
Recomendacións básicas: comprar en establecementos de confianza e fuxir dos pesos a tres pesetas. Alejandro Marín, da OCU, di que a suba histórica de prezos no aceite de oliva pode propiciar que este tipo de condutas fraudulentas aparezan con produtos á venda fóra das canles habituais. Aconsellamos evitar estes puntos de venda e asegurarnos de tomar precaucións á hora de mercar.
A precaución pasa tamén por ler ben o contido da etiqueta. Julio Quiroga, produtor de aceite galego, di que o que temos que facer ás veces é sacar as lentes e ler a letra pequena. "Se queremos un aceite virxe extra, que é un zume de oliva, xa o pon moi claramente na etiquetaxe, o que pasa é que ao chegar ao estante botámonos ao máis barato".
A Garda Civil inmobilizou en marzo 70.000 litros de aceite adulterado. Pero as investigacións, que continúan abertas, soben un chanzo máis na alerta alimentaria, xa que as análises revelan que moitos deses litros non son, ademais, aptos para consumo humano.