Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prado: "O PSOE ten que aclarar se vai dar cobertura xudicial aos independentistas"

Prado: "O PSOE ten que aclarar se vai dar cobertura xudicial aos independentistas"

A secretaria xeral do PPdG censura que o PSOE e Pedro Sánchez estean dispostos a ceder nunha lei de amnistía

A popular non renuncia a que Galicia teña máis competencias e máis autogoberno pero dentro da Constitución e do Estatuto de Autonomía

G24.gal 08/09/2023 10:23

A secretaria xeral do PPdG Paula Prado recoñece as dificultades de Alberto Núñez Feijoo para sacar adiante a investidura como presidente do Goberno ante a negativa do candidato do PP a negociar unha lei de amnistía cos independentistas cataláns.  

Nunha entrevista no Galicia por diante, Prado aplaude que Feijoo se afaste das negociacións con JxCAT  mentres ve preocupante que "o PSOE se achegue e ceda ás demandas dos independentistas para manterse na Moncloa". 

"Cremos que é importante unha investidura, pero afastada de poxas territoriais, de romper a unidade de España, de afondar na desigualdade dos españois... Nese sentido vai ser moi difícil que Alberto Núñez Feijoo poida acadar o apoio desas forzas políticas porque nin Feijoo nin o PP estamos dispostos a ceder nesas demandas independentistas e sobre todo na lei de amnistía", apuntaba. 

Prado esixe ao PSOE que aclare se "están dispostos a dar cobertura xudicial aos independentistas e ao financiamento para un novo debate sobre a independencia de determinados territorios en España". Reivindica que a posición do PP é clara porque: "Nós non podemos valorar a ruptura da Constitución, a ruptura da real convivencia que nos demos en España no ano 1978 coa transición", e acusa o PSOE de "estar  deconstruíndo a transición". 

Prado advirte que non tolerarán ningún trato de favor a outras autonomías, como a condonación da débeda a Cataluña, nin un modelo de financiamento autonómico que "non lle dea a cada territorio o que precisa". 

Sobre o debate territorial, di que o PPdG non renuncia a "ter as competencias que Galicia merece, pero dentro do marco da Constitución e do Estatuto de Autonomía".  Aféalle ao BNG que reclame máis autogoberno cando, di Prado, deron o seu voto para a investidura de Pedro Sánchez a "cambio de nada".  Como exemplo, Prado lembra que o martes volverán defender no pleno do Parlamento de Galicia a proposición para pedir ao Estado a transferencia da autoestrada AP9 a Galicia.

A secretaria xeral do PPdG tomaba posición tamén sobre o uso das linguas oficiais no Congreso dos Deputados.

"Nós somos uns grandes defensores do uso da lingua, de utilizar o galego de xeito cordial. No Congreso, todos temos unha lingua común, o castelán, na que nos entendemos. Creemos que é un debate en que hai máis interese dos independentistas de que están conseguindo cousas, que algo útil para os intereses dos cidadáns e para resolver os seus problemas, que é para o que nos vota a cidadanía", afirmou. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade